O impacto económico do Brexit na Galiza

O impacto económico do Brexit na Galiza
É demasiado cedo para sacar conclusións sobre as consecuencias para a Galiza da marcha do Reino Unido da Unión Europea. A falla de datos concretos sobre os termos do abandono, a información destinada a apuntalar o relato de Bruxelas ou a ausencia dunha perspectiva temporal para valorar o desenvolvemento dos acontecementos son algúns dos factores que impiden esta reflexión. Ás portas do 31 de outubro, data fixada para a saída, achegámonos aos intereses comerciais da Galiza nas Illas Británicas. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza.

A exposición da economía galega ao Reino Unido é inferior á media comunitaria. Aínda que é difícil sacar conclusións sobre o impacto do Brexit na nosa cadea de valor até que non se coñezan os termos exactos da saída dos británicos da Unión Europea, as achegas realizadas polo Consello Económico Social, no seu informe de 2018, sinalan que só incidiría nun 0,57% do noso PIB, moi por baixo de Estados como Irlanda, Alemaña, Países Baixos ou da propia España. Mesmo tomando como referencia a contabilidade interna do Estado, a exposición do PIB galego é tamén inferior ao do resto territorios, situándose só por riba de Castela‑León e Canarias.

Pesca, téxtil e automóbil son os sectores de actividade máis sensíbeis ao mercado británico. Mentres  a presenza da frota galega nas augas actualmente de titularidade inglesa remóntase practicamente a hai un século, a chegada dos produtos elaborados do complexo téxtil e do automóbil é moito máis recente. Así as cousas, o Reino Unido é o cuarto destino das exportación galegas, após Portugal, Franza e Italia, sumando un volume de negocio en 2018 de 1610 millóns euros e representado o 6,55% das vendas netas totais no exterior.

m4_Brexit

O Reino Unido, cuarto destino do téxtil galego

A dependencia do sector téxtil dos mercados británicos é cada día maior. Mentres en 2013 só o 5,8% das vendas internacionais tiñan como destino o Reino Unido, a cifra situábase en 2015 no 9,4%, marcando un máximo histórico no primeiro trimestre do pasado exercicio, ao alcanzar os 255 millóns de euros, cunha suba do 24,9% respecto do período anterior. Segundo os dados do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), o Reino Unido ocupa o cuarto lugar das exportacións do téxtil galego, só por detrás de Franza (13,7%), Italia (11,4%) e Portugal (10,4%), nunha evolución que leva a pensar nunha mudanza nesta clasificación.

As manufacturas vinculadas ao sector téxtil, confección e calzado superan o 40% do total de exportacións a ese país. A súa explicación derívase do peso desta actividade no noso país, onde representa o 6,1% do PIB e o 3,3% do emprego total, e moi particularmente do papel do grupo Inditex, a empresa galega máis exposta a ese Estado, entre outras razóns por unha cuestión de tamaño. Segundo as estimacións  ofrecidas por Oliver Wyman no seu Informe de Brexit: análise Iberia, “os aranceis do 2,8% previstos para os produtos téxtiles provocarían un impacto negativo de 248 millóns sobre o Valor Engadido Bruto (VEB) do sector”.

[Podes ler a peza íntegra no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]