Indicios de crise no horizonte

Indicios de crise no horizonte
No horizonte fórmanse turbulencias. Aínda no esteiro da gran crise iniciada en 2008 e cun mundo do traballo debilitado pola ofensiva neoliberal posterior, a economía galega asómase aos problemas derivados dunha recesión que xa se nota en países centrais da Eurozona como Alemaña e Italia. Analistas e sindicatos alertan da inminente repercusión na Galiza. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza.

O horizonte non está despexado. Once anos despois da caída de Lehman Brothers que desencadeu a década perdida en Occidente, escuras nubes anuncian treboadas. O economista portugués Francisco Louça avisaba nun recente artigo publicado no Expresso: oito das principais economías do mundo están en recesión ou no seu bordo, e isto inclúe Alemaña, Reino Unido, Italia, Brasil, Arxentina, México, Rusia e Corea do Sur. “Sempre é así: a crise é xeral ou non é crise”, engadía. As maneiras  en que a Galiza pode sufrir as consecuencias dun novo curtocircuíto económico son diversas e de maior ou menos intensidade segundo quen responda, pero ningún dos analistas consultados por Sermos Galiza agochan preocupación ante o escenario inminente.

“O raro sería que a crise non afectase na Galiza”, sinala Albino Prada, profesor de Economía aplicada da Universidade de Vigo, “con mozos por debaixo do mileurismo e clases medias en declive, o raro sería que  fósemos quen de mercar todo o que somos capaces de producir a escala global”. Coincide coa percepción xeral de Louça, segundo o que a hipotética crise estaría “alimentada pola falta de demanda efectiva, ou o que é o mesmo, pola sobreprodución en sectores chave”. A depresión do consumo encaixa coa ofensiva xeral contra o traballo en que derivou, finalmente, a crise financeira de 2008.

m1_DuplaCrise

“O empresariado inviste os excedentes en robotizar, porque os robots non se sindican”, explica o economista Joám Lopes Facal

“Non foi máis ca un tratamento de shock nun longo proceso de globalización financeira e empobrecemento social”, di Prada. E que aínda non acabou de pasar. Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, as traballadoras e traballadores galegos están “nas cinzas de 2008”. Destrución de emprego, caída de salarios, o regueiro de reformas laborais e sociais e o “desmantelamento progresivo” da estrutura económica do país non pasan dun día para outro. O sindicalista baixa ao concreto e céntrase no sector industrial e a redución do seu peso no PIB.

“O obxectivo de que a industria ocupe un 20% do PIB en 2020 [recomendado  pola Unión Europea] non é certo”, esténdese, e menciona a crise das electrointensivas, o “proceso acelerado e agresivo” de descarbonización, a “crise larvada” no naval e algúns dos conflitos de maior repercusión pública nos ultimos meses na Galiza: Poligal, Madeiras Iglesias, Vulcano. “Unha nova recesión económica pode ter un impacto brutal”, engade. De fondo de todos estes anos salvaxemente neoliberais, o dato que sintetiza en que desembocaron: “As rendas do traballo caeron entre un 2% e un 3% no PIB, mentres as do capital subiron entre un 5 e un 7%”.

O economista Joám Lopes Facal conecta os ataques ao traballo co “puro cambio tecnolóxico” que, ao seu ver, viven Europa e a súa economía. E, por extensión, a Galiza. “Nos sectores económicos onde o futuro non está claro, o empresariado gasta os excedentes en reducir a débeda e mais en despedir persoal e robotizar. Porque, claro, os robots non se sindican”, entende sobre a situación laboral na Galiza, “mais o problema non é noso, é de toda Europa”. Impostos sobre os robots ou o debate sobre a renda mínima garantida seméllanlle accións imprescindíbeis para afrontar o que aí vén.

[Podes ler a peza íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]