Un informe da Universidade da Coruña avala a legalidade e a viabilidade da adquisición pública das fábricas de Alcoa

Un informe da Universidade da Coruña avala a legalidade e a viabilidade da adquisición pública das fábricas de Alcoa

O estudo, encargado pola CIG, vai ser trasladado ao Ministerio de Industria e á Xunta. a adquisición das plantas sería conforme ao ordenamento constitucional e legal español e axustado ao dereito comunitario.


Un informe xurídico elaborado pola Universidade da Coruña sobre a viabilidade da adquisición pública das factorías de Alcoa na Coruña e Avilés determina a legalidade de dar ese paso. O documento foi elaborado polo profesor titular de dereito administrativo da UdC, Carlos Aymerich, quen analizou se a adquisición das plantas sería conforme ao ordenamento constitucional e legal español e axustado ao dereito comunitario, así como as posibilidades e consecuencias de que a compra se fixera en condicións normais de mercado ou fóra destas.

Aymerich subliñou que a adquisición por parte do Estado destas fábricas, a modo de iniciativa pública na económica en pé de igualdade coa privada, sería plenamente legal. Explicou que o ordenamento xurídico español habilita as administracións públicas para intervir na economía a través da participación directa en actividades distintas daquelas que, por satisfaceren necesidades públicas esenciais, se corresponden coas propias dos servizos públicos. Do mesmo xeito permítese que os poderes públicos asuman directamente actividades industriais por razóns de interese público debidamente acreditadas, a través da reserva de determinadas actividades ao sector público, a intervención de empresas, ou a adquisición total ou parcial de empresas ou instalacións industriais.

"Trataríase, neste caso, de que as factorías pasasen transitoriamente á titularidade pública a fin de asegurar, alén dos seis meses inicialmente pactados, o mantemento do emprego e da actividade industrial en tanto non aparece un investidor privado solvente", aclara. Neste contexto, apuntou, non se podería considerar a adquisición das fábricas como unha axuda de Estado e a operación non requiriría da autorización previa da UE. Aínda así, Aymerich puntualizou que a experiencia doutros estados europeos demostra que a adquisición pública de activos produtivos privados pode ir acompañada de axudas de Estado sen por iso negarse, ao menos até o de agora, que a operación fose realizada en condicións de mercado.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apuntou que a central pediu este informe ante a incapacidade do Ministerio de Industria e da Xunta de adoptar alternativas para garantir a continuidade dos empregos e da produción industrial nas fábricas máis alá do 1 de xullo. Subliñou o sindicalista que o informe da UdC avala a legalidade desta adquisición, compatíbel coas normas da UE, pondo a atención no feito de que foi no sector público onde naceu a antiga Inespal, para logo ser privatizada e "malvendida a Alcoa".

Lembrou tamén que existen antecedentes deste tipo de actuacións, como o caso da planta de aluminio de Portovesme, en Sardeña, pechada por Alcoa en 2014 e hoxe en activo logo dun proceso de intervención do Estado italiano. Por iso asegurou que "non se pode repetir o que pasou con Endesa. Compañía pública que foi privatizada e agora é propiedade de Enel, empresa pública do Estado italiano".  Carril insistiu en que este informe avala a reivindicación da CIG e "só depende da vontade política darlle unha saída ás factorías a través da SEPI".

No relativo aos posíbeis inversores dos que se fala estes, o delegado da CIG en Alcoa, Julio Moskowich, recalcou que se non hai unha regulación da enerxía para a industria electrointensiva "que faga atractiva a inversión non haberá solución, e dá igual que aparece un inversor que aparezan 50".



x