“Isto é unha burla, é peor do que pensabamos”

“Isto é unha burla, é peor do que pensabamos”

Sorpresa e preocupación entre o cadro de persoal de Ferroatlántica pola venda das hidroeléctricas e factoría de ferroaleaxe que o grupo ten na Galiza a un fondo estadounidense por 170 millóns de euros. Alfonso Mouzo, do comité de Ferroatlántica Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas, empraza a Xunta a evitar a operación.


O Grupo Villar Mir vende o complexo Cee-Dumbría e as centrais de Xallas ao fondo TPG Sixth Sreet Partner en alianza coa española Ithaka por 170 millóns de euros, segundo informou Ferroglobe -que ten 55% de Ferroatlántica-. Unha noticia que os traballadores e traballadoras coñeceron a pasada noite e que lles xera “preocupación”, como recoñece en conversa con Sermos Galiza Alfonso Mouzo, do comité de Ferroatlántica Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas. “É unha tomadura de pelo, é peor do que pensabamos”, indica. O persoal levaba tempo sospeitando que o Grupo Villar Mir quería desfacerse deste complexo mais non prevía que o destino fose un fondo estadounidense. Para Mouzo, esta operación vai ser negativa para traballadores e traballadoras e para a comarca.

Nin o fondo estadounidense nin a empresa española coa que se alía para esta operación, Ithaka, están no sector da ferroaleación, senón que os seus intereses están na enerxía. De aí que considere que con esta adquisición o que procuran é “especular coa enerxía dos nosos ríos e deixar caer as factorías”. Unha repetición en certa medida do que Villar Mir pretendía hai dous anos, lembra, e que fora paralizado pola Xunta.

“É a mesma teima”, sostén Mouzo. Hai dous anos Villar Mir tentara vender as centrais mais a Xunta denegara a segregación da actividade hidroeléctrica da de ferroaliaxe. Ferroatlántica interpuxo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do goberno galego. Agora, explica o representante do persoal, “Villar Mir quere vender todo o paquete [agás a factoría de Sabón]" mais a intención de "facer caixa" coa enerxía é a mesma. "Esperamos que a Xunta non permita isto”.

Alfonso Mouzo fai fincapé en que Ferroatlántica e Ferroglobe seguirán vinculadas a través dun acordo de longa duración mediante o cal a primeira será receptora dos produtos elaborados pola segunda. Ferroglobe comprométese, pola súa banda, a achegar materias primas “chave”. Para Mouzo isto é case una relación de “subcontrata”, un “subterfuxio”.

A motivación desta operación é para Mouzo, clara: “Villar Mir necesita cartos para tapar parte da gran débeda que ten pola súa mala xestión, unha débeda que é sobre todo da construtora OHL”.

“Cautela”

Por outra banda, e en declaración á Televisión de Galiza, o portavoz do comité de empresa de Ferroglobe en Sabón – que non fai parte do paquete en venda- manifestou a súa “sorpresa” e “preocupación” ante a noticia. Á espera da xuntanza que esta mesma tarde manterán con representantes de Recursos Humanos de Ferroglobe, Francisco Blanco incide en que o importante é que se manteña o emprego e a actividade.