Labregos e gandeiros denuncian a manipulación da Xunta coas axudas ao campo galego

Labregos e gandeiros denuncian a manipulación da Xunta coas axudas ao campo galego
Fruga Leite
Fruga Leite  SG

O sector acusa ao goberno de Núñez Feijoo de paralizar e recortar o programa de Contratos de Explotacións Sustentables do que dependen miles de granxas galegas


A xestión dos Contratos de Explotacións Sustentables (CES), un proxecto impulsado polo BNG no seu paso pola Consellería de Medio Rural, enfronta a labregos e gandeiros coa Xunta. A Federación Rural Galega (Fruga) acusa ao goberno de Alberto Núñez Feijoo de “mentir e faltarlle o respecto ao sector” por anunciar novas axudas que, en realidade, son pagos atrasados de 2011 e 2012.

A Fruga denuncia que a chegada do PP á Xunta significou a paralización unilateral do programa, destinado ao uso sostible das terras agrícolas, e que os expedientes xa iniciados, que non se poden anular, sufriron numerosos recortes. A federación recorda que dende 2010 non se tramita ningún novo contrato, cando se sumaron as últimas 850 explotacións logo dunha denuncia ante o Valedor do Pobo.

Labregos e gandeiros consideraron o recente anuncio da Consellería de Medio Rural como “dunha torpeza e dun desprezo absoluto” cara o sector de vacún galego, principal receptor das axudas. A Xunta arrogouse a transferencia de máis de 12 millóns de euros a casa 4.000 explotacións galegas correspondentes aos anteriores dous anos, aínda impagados no seu conxunto, e a pesar de que acumular atrasos en pagos de 2009.

“A eliminación do CES faise máis incomprensible sabendo que o 57,56% destas axudas son financiadas por fondos comunitarios, e o 42,44% restante son completados con fondos da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente a partes iguais”, apunta a Fruga nun comunicado. Unha situación que impedirá ao rural galego recibir fondos europeos para un programa que, segundo recoñecen, “é unha peza clave para o mantemento da viabilidade económica de moitas granxas galegas”.