Madrid absorbe a metade das empresas que marchan da Galiza: 54 no primeiro semestre de ano

Madrid absorbe a metade das empresas que marchan da Galiza: 54 no primeiro semestre de ano
Madrid absorbe 46% das empresas que marchan de Galiza
Madrid absorbe 46% das empresas que marchan de Galiza  

De xaneiro a xullo abandonaron Galiza con destino outros territorios do Estado 98 sociedades mentres recibiamos 110. O saldo é, pois, positivo para Galiza. Porén, entre o volume de negocio que representan as empresas que marcharon (191 millóns) e as que viñeron (67 millóns) hai unha fenda de 123 millóns de euros ‘negativa’ para Galiza. Madrid é a principal receptora das compañías que mudan o seu domicilio da Galiza a outras comunidades.


Hai uns anos o goberno de Núñez Feixoo ordenara á Axencia Tributaria Galega que activase un plan de inspección sobre a fuga de empresas localizadas na Galiza a Madrid, atraídas pola eliminación de trabas ou a menor presión fiscal. Os resultados desa inspección non se fixeron públicos. Mais a dinámica mantense.

O Informe que publica D&B sobre o cambio de domicilio de empresas deita luz sobre Galiza. Nos seis primeiros meses de 2019 marcharon do noso país para establecer o seu domicilio social noutro territorio 98 empresas. Movían entre todas un volume de negocio de 191 millóns de euros.

Neses mesmos seis meses instalaron o seu domicilio na Galiza 110 empresas procedentes doutras comunidades. Doce máis das que marcharon. Porén, a facturación sumada entre todas esas sociedades que optaron por se mudar a Galiza era de 67,6 millóns. A diferenza, neste caso negativa para Galiza, é de 123 millóns de euros.

E quen foron os territorios máis beneficiados pola saída desas empresas de Galiza? Madrid, en lugar destacado: acolleu 54 desas compañías, 55% do total. A seguir figuran Catalunya (9 empresas), Valencia e Asturies (7 cada unha). Nas empresas que viñeron aquí destacan as de Castela-León (33) e madrileñas (32). 

Entre 2013 e 2016 foron 458 as empresas que mudaron o seu domicilio social, deixando Galiza por outra autonomía. Unha mudanza que implicaba, en termos de facturación, uns 540 millóns de euros. A principal beneficiaria destes traslados foi Madrid, que pasou acoller 207 desas 458 sociedades, e 67% deses 540 millóns de euros. Non é algo exclusivo de Galiza. Madrid, cabalgando no efecto capitalidade que lle permite unha política fiscal de mínimos, actúa como succionador de empresas de todos os territorios do Estado.