Madrid exixe 3 mil millóns máis en recortes ás comunidades autónomas

Madrid exixe 3 mil millóns máis en recortes ás comunidades autónomas
[La Moncloa]
[La Moncloa]  

O Plan de Estabilidade para 2014-2017 prevé recortar 3.136 millóns de euros no gasto farmacéutico e a prestación de servizos. Asemade, o Goberno español insta a recadar 3.082 millóns máis en impostos e valora a re-centralización fiscal, din, en aras dunha "maior racionalización" tributaria.


O Consello de [email protected] decorrido a pasada cuarta feira (29 de abril) aprobou o novo Plan de Estabilidade para o período 2014-2017. No documento, que foi xa remitido á Comisión europea, o executivo de Mariano Rajoy exixe novos recortes ás comunidades autónomas até reduciren o gasto en 3.136 millóns de euros. 

Neste senso, o plan deseñado por Madrid marca como prioridades a redución do gasto farmacéutico onde di, "o potencial de aforro aínda é elevado" e a "prestación de servizos e suministros en materia de concertos, subvencións e transferencias". 

Redución do gasto nos planteis de traballadores públicos

No entanto, desde o goberno do estado apuntan que a maior redución pode vir dos "gastos correntes" através dunha outra "planificación" dos planteis de persoal público e a redución das axudas concedidas polas administracións autónomas. 

Madrid podería centralizar os impostos e ceder a xestión dunha parte ás comunidades autónomas 

Aliás, Madrid insta os executivos autonómicos a recadar 3.082 millóns de euros máis en impostos indirectos e medioambientais, principalmente. Tamén así, no Plan de Estabilidade o goberno central amósase favorábel á recomendación do comité de expertos que recomendaba a centralización fiscal na procura, din, dunha "maior racionalización" impositiva. 

Isto é, suprimir os tributos autonómicos e que os distintos territorios pasen a xestionar unha parte dos mesmos a partir dos parámetros estabelecidos desde Madrid. Esta mudanza podería acordarse co novo modelo de financiamento que negociarán este ano os gobernos autonómicos e o español.