Madrid é a principal beneficiaria da deslocalización de empresas galegas

Madrid é a principal beneficiaria da deslocalización de empresas galegas

No 2015 un total de 154 firmas trasladaron o seu domicilio fiscal fóra de Galiza a outros territorios do Estado, 62 delas á comunidade madrileña.


Madrid e Valencia foron os principais territorios beneficiarios da deslocalización de empresas galegas en 2015, un ano no que un total de 154 firmas optaron por trasladar o seu domicilio fiscal fóra de Galiza, segundo dados do Foro económico galego. O camiño contrario, empresas que optasen por vir ao noso país desde outros territorios do Estado, foi seguido por 135 firmas. Foi o 2015, pois, un exercicio con saldo negativo para Galiza nestes movementos de empresas.

A principal beneficiaria foi Madrid, que acolleu 64 desas 154 empresas galegas que se deslocalizaron, o 41 por cento do total. Séguelle Valencia, a onde se trasladaron 28, e Andalucía, que recibiu 14 empresas galegas durante o 2015. Os dados do primeiro bimestre de 2016, os meses de xaneiro e febreiro, non apontan a un cambio de tendencia. Saíron do país 19 empresas cara a outros territorios e viñeron 12.

Os resultados do 2015 empañan os dos últimos anos. De feito, de mediados de 2012 a mediados de 2015 o saldo era positivo para Galiza. Nese período trasladaran o seu domicilio fiscal fóra do noso país por volta de 540 empresas, número inferior ao das que viñeron (595). Nesa etapa, Madrid captou máis de 1.500 firmas doutras partes do Estado.