Máis de 130 empresas deixaron Galiza no último ano por outros territorios do Estado

Máis de 130 empresas deixaron Galiza no último ano por outros territorios do Estado

No segundo semestre de 2018 un total de 37 empresas cambiaron o domicilio social de Galiza a outras comunidades do Estado español, nomeadamente Madrid, que recibe 32% das firmas que se ‘fugan’ do noso país.


As machetas, titulares e editoriais semella que só falan do cambio de domicilio de empresas (‘fuga de empresas’) en relación a Catalunya. Como se esta dinámica se limitase a ese territorio e motivada por unha causa política (procés). Mais o traslado de domicilio social dun territorio a outro non é unha novidade. O goberno de Núñez Feixóo ordenou á Axencia Tributaria Galega que activase un plan de inspección sobre a fuga de empresas localizadas na Galiza a Madrid atraídas pola eliminación de trabas ou a menor presión fiscal. Os resultados desa inspección non se fixeron públicos.

No segundo trimestre de 2018 un total de 37 empresas de Galiza cambiaron o seu enderezo social a outras autonomías. As máis beneficiarias deste movemento foron Madrid –que domiciliou 32% das firmas- e Castela-León. Nese mesmo período viñeron 33 empresas, catro menos. Nos últimos doce meses, segundo trimestre 2017-segundo trimestre 2018, foron 133 as empresas que saíron do noso país para outros territorios. Un período no que o camiño contrario, para se instalar aquí, fixérona 198, segundo os informes de Informa D&B.

Entre 2013 e 2016 foron 458 as empresas que mudaron o seu domicilio social, deixando Galiza por outra autonomía. Unha mudanza que implicaba, en termos de facturación, uns 540 millóns de euros. Quen foi a principal beneficiaria destes traslados? Madrid, que pasou acoller 207 desas 458 sociedades, e 67% deses 540 millóns de euros. Non é algo exclusivo de Galiza. Madrid, cabalgando no efecto capitalidade que lle permite unha política fiscal de mínimos, actúa como succionador de empresas de todos os territorios do Estado.

Reparto

De cada cen euros que ingresan pola súa actividade as industrias de actividades extractivas que operan na Galiza (auga, enerxía, residuos) 82 van para o peto das empresas que teñen a súa sede central fóra do noso país. Un dado clarificador pois falamos de sectores estratéxicos da economía e que na Galiza benefician en grande medida firmas cos seus centros de decisión alén do Padornelo.

No caso da enerxía son tres xigantes, ningún deles galego, os que se reparten case todo o pastel: Naturgy (antes Gas Natural-Fenosa), Endesa e Iberdrola. Esta é unha realidade que se presenta diáfana: 34,1% dos beneficios da industria en Galiza lévano empresas con sede noutros territorios, porcentaxe ademais que é un aumento considerábel a respeito da parte do pastel que as firmas non galegas obtiñan no noso país en 2008 e que era do 28,5%.

Mentres aumentaba a parte de cifra de negocio industrial que as empresas con sede noutras autonomías obtiñan no noso país, diminuían as persoas que traballaban nas mesmas: en 2008 o 11,3% do cadro de persoal do sector industrial galego traballaba nesas compañías foráneas, en 2016 era 12,9%. A presenza de empresas con sede noutras autonomías non se restrinxe a estas ramas. Na metalurxia supón 60,4% da cifra de negocio. En 2008 era 21,4%. En cauchos e materias plásticas é 38,4% dos ingresos os que levan estas compañías, unha porcentaxe que en 2008 estaba en 27,5%.



x