Máis de 13.000 sinaturas para que a enerxía hidroeléctrica producida nos ríos galegos reverta na Galiza

Máis de 13.000 sinaturas para que a enerxía hidroeléctrica producida nos ríos galegos reverta na Galiza

CIG presentou no rexistro do Parlamento galego as 13.731 firmas de apoio á ILP para a xestión pública dos aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos galegos. Unha iniciativa máis do sindicato, remarcou o seu secretario xeral Paulo Carril, para que as administración asuman a enerxía como “un servizo público” no canto dun simple “ben de consumo”.


Un total de 13.731 sinaturas recollidas nestes meses apoian a Iniciativa lexislativa popular (ILP) “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza que a CIG rexistrara en novembro pasado no Parlamento. Perto 14.000 firmas que esta cuarta feira foron presentadas no rexistro da Cámara galega polo secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, acompañado de mebros da central e delegados e delegadas na industria electrointensiva.

“Esta é una nova iniciativa, como as que fixemos a prol dunha Tarifa Eléctrica Galega ou dunha tarifa electrointensiva, para que os gobernos consideren a enerxía como un servizo público e non un ben de consumo”, explicou Carril. Un país como Galiza, que exporta 40% da enerxía, non pode ficar de brazos cruzados e non adoptar medidas para que ese potencial reverta en beneficio da sociedade e da economía.

ilp rexistro cig“Hai que adoptar medidas, non pode ser que con estes presos da enerxía fechen empresas e haxa pobreza enerxética”, indicou Carril, que lembrou que nos ríos galegos hai 166 centrais e saltos hidroeléctricos, cunha capacidade de prosdución de máis de 3.300 MW. Con 25% da enerxía de orixe hidroeléctrica somos o primeiro territorio do Estado neste campo.

Galiza, o país dos 10.000 ríos e das máis de 160 centrais hidroeléctricas. Todas esas centrais (121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica ) están en mans de empresas privadas. Máis de 90% da produción eléctrica instalada nas centrais hidráulicas galegas está en mans de Iberdrola, Naturgy (antes Gas Natural-Fenosa) e Endesa.

A ILP pretende que os saltos e as centrais hidroeléctricas -que son concesións públicas outorgadas a empresas por un máximo de 75 anos, “sen ningún tipo de compensación para Galiza, malia o dano ambiental e social que provocan” - revertan de novo ao poder público e a Xunta, para a explotación deses encoros ben a través dunha empresa pública ou directamente.

“Agardamos que no trámite parlamentar da ILP haxa unanimidade parlamentar e a iniciativa poida seguir adiante”, apelou Paulo Carril.