Malestar e preocupación no persoal de Alcoa pola retraso do estatuto electrointensivo

Malestar e preocupación no persoal de Alcoa pola retraso do estatuto electrointensivo

O goberno español adía a aprobación após as reticencias da Comisión de Mercados. O executivo comprometérase cos traballadores e traballadoras a aprobalo antes das eleccións do 28.


O Consello de Ministros desta sexta feira non vai sacar adiante o estatuto para a industria electrointensiva. A aprobación dunha das medidas prometidas polo Goberno para evitar o peche das plantas de Alcoa da Coruña e Avilés retrásase, causando preocupación e malestar no cadro de persoal. O comité de empresa da factoría da Coruña cualifica o adiamento de “fatídico” e pide o goberno español valentía, para alén de exixir da Xunta de Galiza una maior implicación.

O goberno xustifica o retraso nas reticencias expresadas pola Comisión de Mercados (CNMC).  "Fixa unha serie de recomendacións que levaron a que o Goberno teña que volver avalialas para conseguir a máxima seguridade e estabilidade no estatuto marco que estableza unha regulación axeitada para conseguir emprego, investimentos", explicaba o delegado do Goberno, Javier Losada. 

O 30 de xuño remata o prazo que fixou a multinacional estadounidense para que apareza algún comprador e o Goberno queda en funcións a partir do domingo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de “pésima nova” para Galiza que o goberno retrase a aprobación do estatuto para as  industrias electrointensivas. “É evidente que para as forzas do Estado, -aínda que neste asunto a Xunta é corresponsábel porque non fixo os seus deberes como goberno do país-, pasan olimpicamente dos problemas que temos, e ademais son responsables dunha crise industrial que está poñendo en risco miles de empregos en Galiza”, dixo.

De por parte, Alberto Núñez Feixoo, acusou o goberno español de "non" ter "interese en presentar un estatuto para as empresas electrointensivas", polo que o futuro das plantas de Alcoa está "no aire". O presidente da Xunta dixo que el tiña "claro" que o executivo socialista ía chegar as eleccións "perdendo o tempo" nun tema tan importante para a industria galega.