Manifestación nacional o 26 na defensa dunhas pensións públicas dignas

Manifestación nacional o 26 na defensa dunhas pensións públicas dignas

Convocada pola CIG, que critica o estudo da Autoridade de Responsabilidade Fiscal que cuestiona a “viabilidade” do sistema público.


“A sustentabilidade do sistema público de pensións non é un problema económico, senón político” afirma Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG, sindicato que convoca para este 26 de xaneiro unha manifestación nacional en Compostela en defesna dunhas pensións “públicas” e “dignas”.

Méndez sae así ao paso de informes como o recentemente publicado pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), “organismo imposto pola troika para controlar a estabilidade orzamentaria do Estado español”, di a sindicalista. Un documento no que se cuestiona a viabilidade do sistema público, incídese en que non hai cartos e en que hai que tomar medidas como a de retrasar a idade de xubilación, reducir contías das prestacións ou ter en conta toda a vida laboral.

Para a secretaria de Organización, a AIRef centra a sustentabilidade do sistema público de pensións (e, polo tanto, as solucións propostas) no gasto, esquecendo que, como esta entidade mesma recoñece, “o actual déficit da Seguridade Social ten orixe no desplome das cotizacións”.

Por iso, desde a CIG . hai que traballar mesa liña, na da creación de emprego estábel, en condicións dignas, con salarios xustos, que permitan cotizacións que garantan as pensións. Para iso Susana Méndez afirma que “o primeiro que cómpre é derrogar as reformas impostas durante a crise”, nomeadamente as reformas laborais, as reformas da negociación colectiva e as reformas do sistema de pensións, nas que, “precisamente, as propostas da Airef queren afondar, para continuar co desmantelamento do sistema público de pensións e seguir a favorecer a entrada do capital privado”, denuncia.



x