20.000 TRABALLADORES E TRABALLADORAS MENOS EN 10 ANOS

Unha manifestación percorreu Compostela para denunciar o perigo de que Galiza sexa un ermo industrial

Unha manifestación percorreu Compostela para denunciar o perigo de que Galiza sexa un ermo industrial
Imaxe: CIG
Imaxe: CIG  

Delegados e delegadas da CIG-Industria mobilizáronse en defensa do sector industrial e, nomeadamente, de sectores estratéxicos para a economía galega como o da industria electrointensiva, o sector naval ou o sector da automoción.


Desde 2009 a hoxe no sector industrial galego hai 20.000 traballadores e traballadoras menos. A situación actual do sector non convida ao optimismo: crise da industria electrointesiva (Alcoa ou Ferroatlántica de Cee e Sabón); ERE de Citröen ou os ERE da industria auxiliar do automóbil; o anuncio do peche de Poligal e da Central Térmica de Meirama… Para a CIG-Industria, son exemplos do  proceso de “desertización  industrial”  que desde hai anos “veñen provocando as políticas neoliberais, executadas sen miramentos, polo Goberno galego e polo Goberno español”.

Para denunciar esta situación e para defender “industria e emprego” na Galiza, delegados e delegadas da CIG-Industria percorreron esta cuarta feira as rúas de Compostela, desde a facultade de Dereito da USC até a Xunta. A mobilización desenvolveuse ao remate dunha asemblea nacional na que se debateron as alternativas que a central nacionalista vén defendendo nas institucións e nas rúas a respecto deste sector.

Falsos autónomos, empresas multiservizos, ETTs ou centros especiais de emprego, entre outras que “están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora 

Na asemblea, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, retratou a “grave situación” na que están traballadoras e traballadores onde “32% non chegan ao SMI, aos 700 euros e máis de 302.000 traballadores e traballadoras menores de 36 anos non chegan ao salario medio anual galego que, xa de por si, está 15,5 puntos por baixo da media estatal”.

Denunciou as novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais: falsos autónomos, empresas multiservizos, ETT ou centros especiais de emprego, entre outras que “están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un afondamento das discriminacións de xénero”. Mais tamén que 71% da ocupación é no sector servizos, “paradigma das contratacións temporais, das contratacións que duran horas, semanas, máximo un mes”.

Propostas

Carril lembrou como desde o sindicato se apostou en facer propostas e alternativas, citando o Programa da CIG en materia laboral e social; as 100 Medidas para a Criación de Emprego en Galiza; a Proposta para unha Tarifa Eléctrica Galega ou as medidas para a xestión pública dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos en Galiza, todas elas Iniciativas Lexislativas Populares promovidas pola central.

Xunto a isto defendeu un Plan de industrialización desde o sector público que “potencie e vertebre a industria galega, que priorice os investimentos feitos por forzas sociais galegas fronte aos investimentos estranxerias”. Unha industrialización, explicou, na que a explotación dos moitos recursos que hai en Galiza estean ao servizo de crear emprego, completar os ciclos produtivos, aumentar o valor engadido en sectores básicos da nosa economía, diversificar as nosas capacidades industriais, procurar un mellor equilibrio territorial e medioambiental e “ao servizo dunha rendibilidade social e non privada”.



x