Marcha a pé por un “compromiso real” co futuro do Ordes e Cerceda post-Meirama

Marcha a pé por un “compromiso real” co futuro do Ordes e Cerceda post-Meirama

O comité de empresa de Meirama percorreu a pé o camiño que hai desde Mesón do Vento até Cerceda para exixir das administracións e da propia Naturgy respostas diante da situación de indefinición na que se atopa a planta.


Meirama botará o fecho en 2020. A noticia, confirmada en xaneiro, foi seguida dunha serie de anuncios e declaracións da empresa, Naturgy, e das administracións prometendo plans, proxectos e investimentos para que a comarca poida afrontar o futuro sen a industria que levaba 40 anos funcionando e xerando emprego.

O comité de empresa de Meirama percorreu esta terza feira a pé a distancia entre Mesón do Vento e Cerceda nunha marcha para pedir das administracións e da propia Naturgy respostas diante da situación de indefinición na que se atopa a planta. Á súa chegada a Cerceda compareceron en rolda de prensa onde recibiron o respaldo dos alcaldes de Ordes e Cerceda.

Segundo explicou o presidente do comité, Bautista Vega (CIG), o persoal de Meirama exixe da ministra de Transición Ecolóxica que explique destino e cantidade das subvencións aos centros afectados. “Queremos que nos aclare para que son os cartos que dixeron que ía a haber para as comarcas afectadas polo peche provocado pola transición do carbón para producir enerxía eléctrica e que de que cantidade de cartos estamos a falar”.

Vega exixiu da Xunta que presione Naturgy para que instale outro tipo de tecnoloxías que permitan manter os postos de traballo. “Pode ser a biomasa, que se ben non mantería todos, si garantiría parte dos postos de traballo tanto da empresa principal como da auxiliar e manter o enclave produtivo”. Lembrou neste sentido que Naturgy, no seu día, anunciou que habería unha serie de investimentos dos que non se volveu a falar.

A central de Meirama, propiedade de Naturgy é unha instalación “estratéxica para a xeración da enerxía eléctrica no noso país”, explica Vega. O seu peche causaría un grave impacto económico e laboral nas comarcas afectadas e en xeral en Galiza, “que pode pasar de ser excedentaria na produción de enerxía eléctrica a ser deficitaria”, alerta.

De se levar a cabo o cese de actividade, afectaría uns 100 postos de traballo directos, outros tantos das auxiliares e os negocios xerados arredor da empresa.

O comité de empresa levan tempo demandando da Xunta que lidere unha comisión que, tendo en conta a importancia do carbón mix enerxético, deseñe unha transición enerxética razoable e sostible no tempo, cara outras tecnoloxías. Nesa comisión terían que estar a Xunta, os concellos afectados, os sindicatos representantivos de Galiza, os partidos políticos con representación parlamentaria e os comités de empresa afectados, así como os centros de investigación e desenvolvemento económico e enerxético.