A marcha de Vulcano chega até o Parlamento

A marcha de Vulcano chega até o Parlamento
Traballadoras e traballadores de Factorías Vulcano ante o Parlamento de Galiza
Traballadoras e traballadores de Factorías Vulcano ante o Parlamento de Galiza  
O comité esixe á Xunta a mesma celeridade que con Barreras para atopar unha solución aos problemas do estaleiro.

As traballadoras e traballadores de Vulcano chegaron esta sexta feira fronte ao Parlamento da Galiza para denunciar os incumprimentos da Xunta e esixir unha solución para a factoría naval viguesa. Poñían fin así a unha marcha reivindicativa que comezou o pasado 1 de outubro en Vigo.

O presidente do comité de empresa, Nicolás Sangabriel, reclamou unha implicación igual e “polo menos a mesma celeridade” por parte do conselleiro de Industria da que o departamento mantén co estaleiro Hijos de J. Barreras.

Entre as súas reivindicacións tamén está a de que a Xunta cumpra cos compromisos que adquiriu coas traballadoras e traballadores de Factorías Vulcano, non só cós da empresa, que non son outros que os de buscar inversores e conservar os postos de traballo se unha vez rematado o ferri a compañía entraba en fase de liquidación

Reunión co conselleiro

Como indicou o propio Sangabriel, no transcurso desta última etapa entre Padrón e Compostela recibiron unha mensaxe do conselleiro Francisco Conde anunciando que os recibiría esta mesma tarde.

No encontro, adiantou o responsable sindical aos medios, pediranlle que atope un inversor que se encargue de que os postos de traballo se manteñan a longo prazo, dada a importancia dun centro de traballo que, como lembrou, emprega máis dun milleiro de persoas cando ten actividade. “Que ninguén pense que porque nos teñan liquidado imos deixar de defender o noso estaleiro, a factoría e os nosos postos de traballo”, advertiu.

Sangabriel tamén sinalou sobre os problemas do sector na Ría de Vigo que “cando se colabora cun estaleiro, privado, que lle permite dispor de cartos públicos para sacar adiante os seus proxectos, non se pode ceder e non vixiar que se fai con el”.

Durante a protesta, o responsábel sindical aproveitou para lembrar as traballadoras e traballadores de Vulcano que a vindeira segunda feira teñen unha cita no Xulgado na que lles comunicarán o expediente de extinción. O xuíz, apunta, vailles preguntar por que non houbo acordo cos administradores concursais e se o considera así, emitirá o auto de extinción a próxima semana.