O medre da economía de Galiza vai ao ralentí nos fogares galegos

O medre da economía de Galiza vai ao ralentí nos fogares galegos
Xente nunha céntrica rúa de Vigo
Xente nunha céntrica rúa de Vigo  

A renda dispoñíbel nas familias aumenta apenas unha terceira parte do ritmo de incremento que rexistra o PIB.


Os dados e cifras macroeconómicas compoñen un panorama que non sempre casa ou coincide coa realidade que día a día se vive en moitos fogares galegos. A economía galega medra, si, mais iso non implica unha translación automática de mellora notábel da situación en moitas familias.

Os dados de economía doméstica que vén de publicar esta segunda feira o Instituto Galego de Estatística, e correspondentes ao 2016, recollen en certo xeito esa situación. No 2016 a renda dispoñíbel bruta dos fogares galegos foi de 38.064 millóns de euros, un 1,3 % superior á do ano anterior. Mais a economía medrou ese exercicio tres veces máis, até 3,7%.

De feito, desde 2013 constátase unha diverxencia, unha pequena fenda, entre o medre do PIB de Galiza e a suba da renda dos fogares galegos; nese ano, 2013, ambos os dous incrementaran en 0,5%. Había, pois, un acompasamento. Mais xa en 2014 empezan a afastarse: o PIB aumenta en 0,9 mentres a renda das familias faino en 0,4%, menos da metade. O ano seguinte, 2015, esa renda dos fogares continuou subindo (0,7%) mais a economía fíxoo a moito maior ritmo, en 3,2%. “Nos últimos anos da serie 2010-2016 a renda dispoñíbel bruta dos fogares está medrando aínda que a un ritmo menor do que o fai a economía”, constatan desde o IGE.

No ano 2016 o saldo das rendas primarias foi maior que a renda dispoñíbel bruta. Isto significa que os recursos (prestacións sociais e outras transferencias correntes recibidas) son inferiores aos empregos (impostos correntes sobre a renda e patrimonio, cotizacións sociais e outras transferencias correntes pagadas).

Drenaxe

Entre 1981 e 2014 a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Era 62% do PIB e pasou ser 44%. Ao tempo, a participación das rendas do capital no PIB galego pasou de 34,4% (1981) a 46%. Un aumento de 12 puntos.

Uns dados que amosan que Galiza está entre os países da Unión Europea con menor participación dos salarios na riqueza do seu país: 44%, o que é 3,4 puntos menos que a correlación que se dá no Estado español e 4 puntos menos que na UE.



x