Mercantilizar o feminismo

Mercantilizar o feminismo
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  

No momento en que a imaxe do Che Guevara tomada polo fotógrafo Korda en 1960 virou anos despois nun motivo ornamental de camisolas de milleiros de persoas en todo o mundo quedou claro que a capacidade do capitalismo non coñece límites de ningún tipo, tampouco os éticos ou morais. O aproveitamento do movemento feminista polas firmas do téxtil representan un claro exemplo. Eis un extracto dunha reportaxe publicada ao respecto no número 337 de Sermos Galiza.


mini6Se algo ten o sistema económico que impera actualmente no planeta é unha inesgotábel habilidade para convertelo todo en mercadoría, aínda que para facelo teña que botar man de símbolos e campañas de movementos que o cuestionan abertamente.

Nesa liña, aínda que coas diferenzas obvias, nos últimos anos a sociedade está a asistir a un paulatino proceso de mercantilización do feminismo, en que, en esencia, aquelas marcas que até hai dous días fomentaron –e seguen a fomentar– unha imaxe cousificada da muller e lexitimaron unha sociedade machista soben ao carro da maior mobilización social da última década para lanzar ao mercado diferentes prendas de roupa con mensaxes a prol da igualdade.

Inditex e moitas das súas marcas, H&M, El Corte Inglés, Gillette ou Ausonia, entre outras, son algunhas das multinacionais que nos últimos anos decidiron sumarse a esta moda. É curioso, en calquera caso, que sexan nomeadamente marcas do sector téxtil as que aproveiten o movemento mundial a prol da igualdade para enviar novas mensaxes feministas ou recuperar vellos lemas, como é o caso de “The future is female”, unha camisola creada por unha muller lesbiana en 1975 e cuxos beneficios foron doados a proxectos de planificación familiar. Lemas como “Girls can do anything” ou “Everybody should be feminist” poden atoparse en roupa de cadeas low cost cuxas tallas responden ao canon de muller delgada e estilizada. Unha das marcas de Zara chegara mesmo a comercializar unha camisola coa consigna “No es no”, referida á violación cometida polo grupo de homes denominados “La Manada”.

É, polo tanto, paradoxal por diversos motivos, mais principalmente porque son estas marcas ou deseñadores e deseñadoras as que desde hai máis de medio século veñen impoñendo nas súas coleccións de moda un estereotipo físico de muller radicalmente oposto aos principios fundacionais do feminismo.

[Podes ler a peza íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]