A metade das empresas que se crean en Galiza non chegan aos 5 anos de vida

A metade das empresas que se crean en Galiza non chegan aos 5 anos de vida

Apenas a metade das sociedades creadas en Galiza pasa dos 4 anos de vida, 51,4%. O primeiro ano de existencia das sociedades só sobreviven 74% destas: neses doce meses fican polo camiño 1 de cada 4.


A taxa de supervivencia das empresas galegas é das máis baixas da OCDE. Apenas a metade das sociedades creadas en Galiza pasa dos 4 anos de vida, 51,4%. O primeiro ano de existencia das sociedades só sobreviven 74% destas: neses doce meses fican polo camiño 1 de cada 4. No Estado español sobreviven a ese primeiro ano de vida 77% (3 puntos máis que en Galiza) e nos países da OCDE é habitual superar 80%. En estados como Suecia, Holanda ou Reino Unido está en 95%.

Non todas se comportan igual: en xeral, as Pemes presentan valores máis altos da taxa de supervivencia que o total de empresas e que os autónomos: no ano 2017 a taxa de supervivencia das pequenas e medianas empresas creadas en 2013 sitúase en 70,78%, mentres que no caso dos autónomos sitúase no 44,61%.

Un dos rasgos do tecido empresarial galego é que se crean moitas empresas mais a súa esperanza de vida é curta

Un dos rasgos do tecido empresarial galego é que se crean moitas empresas mais a súa esperanza de vida é curta. Así, a taxa de mortalidade empresarial (cociente entre as empresas que desaparecen e as existentes a principio do ano) é de 12,79%, porcentaxe superior á media europea. No conxunto do Estado español foi de 8%.

Hai diversos factores que se poñen riba da mesa para explicar esta situación: desde dificultades para acceder a financiamento até trabas burocráticas ou descoñecemento da cultura empresarial, pasando pola conxuntura económica, excesivo peso de microempresas ou falla dunha política empresarial efectiva por parte da Xunta.

Sen traballadores

Case 70% das empresas en Galiza non teñen ningún traballador asalariado. Ademais, só 19% conta cun ou dous asalariados. Aquelas que teñen un mínimo de 20 traballadores representan apenas 1,73% do total. Menos de 100 compañías teñen máis de 500 traballadoras e traballadores, e pouco máis de cen móvense entre os 250 e 499 asalariadas e asalariados.

As porcentaxes máis altas de empresas con ningún, un ou dous asalariados está no sector primario, (96,98%). No outro extremo atópase o sector industrial (incluída a enerxía), onde a porcentaxe de empresas que non chega a tres asalariados é de 68,60%.