México revisará os contratos de Pemex con Navantia e Barreras nunha “limpa contra a corrupción”

México revisará os contratos de Pemex con Navantia e Barreras nunha “limpa contra a corrupción”
Feixoo e o director xeral de Pemex (Foto: Xunta)
Feixoo e o director xeral de Pemex (Foto: Xunta)  

López Obrador apunta os contratos para a construción de floteis para a petroleira mexicana, encargados en 2014 e que Feixoo poñía de exemplo das xestión para “asegurar contratos para o naval”.


O 19 de setembro de 2012 Núñez Feixo anunciaba un acordo coa petroleira estatal mexicana Pemex para construír na Galiza 2 floteis. “Un investimento de 380 millóns de dólares”, “milleiros de horas de cargas de traballo”, “milleiros de empregos”, propagaban os comunicados da Xunta naquela xornada. Esta terza feira, 24 de xuño de 2019, o presidente mexicano López Obrador anunciaba una revisión dos contratos asinados por Pemex con estaleiros galegos.

Un anuncio que fai no marco, dixo, do compromiso na “limpa contra a corrupción”. “Estamos a revisar os contratos de empresas que se teñen con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex”, manifestou o mandatario, en referencia aos floteis adxudicados a Navantia e Barreras, as únicas no Estado coas que contratou Pemex nestes anos para construír buques para a súa frota.

Nun principio mesmo se falou da construción en factorías galegas de 14 remolcadores para Pemex mais nunca chegaron a iniciarse.

López Obrador promete acabar co “tráfico de contratos e compras con sobreprezos”. Desde a súa chegada ao poder introduciu mudanzas na ponte de mando de Pemex, que nos últimos anos estaba no albo de diversos escándalos.

Pemex, non esquezamos, tamén se fixo con 51% do estaleiro Barreras en novembro de 2013. Agora procura a quen venderlle a súa participación no estaleiro.