Mobilizacións en Vulcano e Ferroatlántica: a crise industrial supura

Mobilizacións en Vulcano e Ferroatlántica: a crise industrial supura
Saída da marcha de Vulcano, en Vigo.
Saída da marcha de Vulcano, en Vigo.  
Traballadoras e traballadores de Vulcano iniciaron esta segunda feira unha marcha desde Vigo a Compostela para reclamar unha reunión co conselleiro de Industria. Pola tarde, en Cee, o persoal de Ferroatlántica protestou diante da casa do concello para esixirlle á Xunta que lle reclame á empresa o plan de viabilidade. 

Todas as miradas están postas na Xunta. O sector industrial non só non levanta cabeza senón que leva uns meses baixo a ameaza de liquidación. Mentres, o concelleiro de Industria por non dar atendido todas as frontes, parece que non atende ningunha. Na rúa, as traballadoras e traballadores esperan unha resposta de Feixoo. 

“O goberno galego comprometérase hai un ano que no momento en que se rematara o ferry, e se chegaba a liquidación, buscaría inversores para conservar os postos de traballo”, lembra Nicolás Sangabrile, presidente do comité de empresa en Vulcano. “Un ano despois estamos nunha situación desesperada”. Mentres agardan as cartas de despedimento, as traballadoras e traballadores mobilízanse. Van camiño de Compostela para insistir na presión diante da Xunta.

En Ferroatlántica a sensación de desesperanza é a mesma. As fábricas están cos fornos rebaixados, a empresa alega un suposto “exceso de produción”, denunciou a CIG estes días. E engadiu: “a materia prima que está a chegar ás fábricas de Cee e Dumbría é a que non se quere noutros centros de traballo do Grupo, a súa mala calidade pon en perigo as instalacións”. Os representantes sindicais temen que despois do acordo asinado entre FerroGlobe e TPG, “FerroGlobe vai primar sempre os seus centros de traballo en detrimento dos nosos, ao darnos o trato de subcontrata por non pertencer o grupo".

A Xunta "segue sumida nunha pasividade inaudita", sen reunirse co comité nin trasladar a documentación presentada pola empresa nin esixirlle un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes, o mantemento dos postos de traballo e que se respecte a cláusula esencial de vinculación da actividade das fábricas e da produción de enerxía, denuncian os traballadores.

En Cee e Dumbría sinalan que a Xunta preocupouse moito máis por Alcoa ou Endesa, e foi critica co Goberno español. "Pero cando se lle pide á Xunta que defenda o emprego e o futuro industrial naqueles ámbitos nos que ten plenas competencias, como no caso de Ferroatlántica, mantén un mutismo indignante e nin sequera ten a ben requirir a empresa para que cumpra a legalidade vixente en relación aos dereitos da concesión".