UN DOS REFERENTES ANTIGLOBALIZACIÓN

Morre Immanuel Wallerstein, o teórico do "sistema-mundo"

Morre Immanuel Wallerstein, o teórico do "sistema-mundo"
Wallerstein [Imaxe: Cancillería de Ecuador. CC BY-SA 2.0]
Wallerstein [Imaxe: Cancillería de Ecuador. CC BY-SA 2.0]  
O científico social norteamericano Immanuel Wallerstein finou onte aos 88 anos. Teórico do concepto "sistema-mundo", estudou o capitalismo desde novas perspectivas e fixou as orixes do novo marco económico e social séculos antes que a historiografía tradicional. 

Immanuel Wallerstein finou onte aos 88 anos. Sociólogo e científico social, o escritor norteamericano revolucionou o estudo do capitalismo coa monumental "O moderno sistema-mundo", estruturada en catro volumes, o último deles publicado en 2011 e referido ao periodo que se estende desde a Revolución Francesa até a Primeira Guerra Mundial. 

Wallerstein analizou en profundidade o colonialismo africano até os anos 70, cando se converteu nun dos máis influíntes teóricos da economía capitalista global. Referente do movemento antiglobalización, desenvolveu unha particular visión das orixes e evolución do sistema capitalista. 

A súa obra mestra, "O moderno sistema-mundo", publicouse en catro volumes (1974, 1980, 1989 e 2011). Estabeleceu as orixes do actual sistema económico global entre finais do século XV e as primeiras décadas do XVI, no noroeste europeo, en concreto en Inglaterra e Francia. Daquela principiara un proceso de expansión-transición cara ao capitalismo, alicerzada na crise previa que sufriu o feudalismo por causas climáticas, demográficas, políticas e mesmo culturais. 

Nesa liña, desbotou o carácter burgués da Revolución Francesa ao entender que o capitalismo xa se consolidara dous séculos antes. Si lle recoñeceu o mérito de colocar, seguindo a conceptualización do marxismo, a superestrutura ideolóxica ao mesmo nivel que a estrutura económica existente. 

Nesa liña, rexeitou a idea de que o sistema-mundo homoxenice, posto que se por algo se caracteriza é polas profundas diferenzas entre os distintos niveis nos que encadraba a orde mundial: núcleo, semiperiferia e periferia.