Os impostos que paga Netflix no Estado español: 3.146 euros

Os impostos que paga Netflix no Estado español: 3.146 euros

Equivale ao que ten que pagar de IRPF unha traballadora que gañe por volta de 24.000 euros anuais.


As dúas filiais españolas de Netflix pagaron en impostos no Estado español no seu primeiro exercicio fiscal 3.146 euros en concepto de imposto de sociedades, segundo publica Cinco Días, en base ás contas anuais dos ‘Gastos de Entretemento en España’. Así pois, a factura fiscal deste xigante da produción e distribución audiovisual en streaming equivale ao que paga de IRPF un traballador ou traballadora que gaña 24.000 euros anuais.

Netflix facturou desde un primeiro momento os ingresos procedentes da súa clientela desde unha sociedade holandesa, Netflix International B.V, polo que o beneficio xerado polo negocio no mercado español non tributa no Estado español. Un tipo de operación que empregan outras grandes empresas, como Amazon, Facebook ou Apple.

Este tipo de manobra é legal e consiste en estabelecer unha sede social en países como Irlanda ou Holanda, onde o tratamento fiscal é máis favorábel e desde aí crear filiais no resto de países onde lles interesa operar. Así, o groso das vendas fica na matriz e as filiais só tributan por servizos de intermediación.