Nin era auditoria nin recomendaba a fusión

Nin era auditoria nin recomendaba a fusión

O goberno de Feixóo defendeu a fusión das caixas galegas en base a una auditoría de KPMG que nin era tal auditoría nin recomendaban a fusión. Algo que vén de recoñecer no Congreso un dos responsábeis do informe. Hai pouco máis dun mes, e no mesmo lugar, a exconselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, defendía a fusión das caixas se fixera "con “rigor, seriedade e dilixencia exquisita”.


A inicios de abril comparecía na comisión do Congreso que investiga a crise financeira e o rescate bancario Marta Fernández Currás, exconselleira de Facenda da Xunta. Currás defendeu que a fusión de Caixanova e Caixagalicia se fixera con “rigor, seriedade e dilixencia exquisita”. Unha medida, a fusión, que o goberno de Feixóo –da que ela facía parte- defendeu en base a unha auditoría de KPMG que avalaba esa opción. Un millón de euros pagou a Xunta a KPMG por este traballo, encargado por Fernández Currás.

Esta semana, e tamén en sede parlamentar e perante a mesma comisión, compareceu Francesc Gibert, un dos responsábeis daquel informe de KPMG. Esta firma é unha das ‘Big Four’, o selecto grupo de grandes consultoras do mundo, canda Deloitte, PwC e EY. Desta última é directora en Galiza a exconselleira e tamén exsecretaria de Estado de Orzamentos.

Gibert confirmou no Congreso o que a propia KPMG xa afirmara en 2013 na comisión do Parlamento galego sobre as caixas. Que o que eles fixeron, “en ningún caso”, foi unha auditoría. Nunca se fixo unha auditoría das contas senón que a consultora limitouse a facer proxeccións sobre a solvencia das dúas entidades financeiras nunha eventual fusión, sen entrar a analizar ningunha outra opción, pois non se lle pediu.

Foi un traballo, apontou no Congreso un dos seus responsábeis, que tivo que facerse “aceleradamente” nun mes. Un informe “de trazo gordo”, recoñeceu, e non que non se incluía ningunha recomendación a fusionar as caixas nin se verificaba a información achegada sobre as contas.

Este informe foi presentado en xaneiro de 2010 polo goberno galego, que o presentaba ás veces como auditoría, outras como ‘due diligence’ e outras como un aval serio e definitivo para fusionar as caixas galegas.

Após as declaracións de Francesc Gibert no Congreso, tanto En Marea como PSdeG e BNG entenden que Feixóo debe comparecer no Parlamento galego para dar explicacións. Algo que desbotan desde o PP, que argumenta que o presidente xa dixo todo o que tiña que dicir sobre o asunto en anteriores comparecencias.



x