A nova Lei de Costas ameaza o sector primario galego

A nova Lei de Costas ameaza o sector primario galego
Traballadoras nunha fábrica de conservas (Imaxe: Jealsa)
Traballadoras nunha fábrica de conservas (Imaxe: Jealsa)  
As patronais acuícula (Apromar) e conserveira (Anfaco) advirten dos riscos que supoñen para a viabilidade das industrias e dos novos investimentos as medidas contempladas no borrador da nova Lei de Costas no que traballa o Goberno español.

A  industria conserveira e acuícola prendeu a luz de alarma tras coñecer as intencións do Goberno español de modificar o réxime de concesións na franxa de terra que comprende os cen primeiros metros de litoral. O Ministerio de Transición Ecolóxica que dirixe en funcións Teresa Ribera traballa no borrador do novo Regulamento Xeral de Costas para atallar «as disfuncionalidades e incoherencias do vixente», de 2014, e aportar certezas a longo prazo ás empresas. 

O borrador do Ministerio, aínda «moi preliminar», contempla a fixación de novos criterios para modular e obxectivar a decisión sobre o outorgamento de concesións e das súas prórrogas, que verán reducidos en moitos casos a súa duración. Como norma xeral, as concesións non poderán exceder os 75 anos de duración, unha cifra que baixa até os 15 anos no caso das concesións para actividades industriais, sempre que non haxa impacto paisaxístico negativo ou produza «efectos negativos sobre a protección ecolóxica da interacción terra-mar», entre outras cuestións. Nese caso a duración da concesión será por 3 anos e precisará dunha proposta de actuación para evitar, reducir ou mitigar eses impactos e efectos. 

Javier Ojeda, xerente da Asociación Empresarial de Acuicultura (Apromar) explica a Sermos Galiza que de saír adiante esta modificación «sutil e pouco transparente» quedarían en risco moitos dos investimentos nun sector que depende dunha planificación a longo prazo. «Ese drástico recorte faría inviábeis os investimentos, sobre todo tendo en conta que ciclos como o do rodaballo precisan entre dous e tres anos, e con cinco ciclos as contas non dan». O xerente de Apromar, que só percibe «malas sensacións» do proxecto de modificación do regulamento, confía en que o Ministerio «reconsiderará» a súa proposta e que no primeiro día que haxa un novo Goberno español recibirán a chamada do departamento correspondente para sentarse a negociar esta cuestión.

Unha das grandes beneficiadas podería ser a factoría de Ence na ría de Pontevedra. O novo regulamento do Ministerio de Transición Ecolóxica abriría a porta a que a factoría de Lourizán seguise coa súa actividade até cumprir os 75 anos de concesión

Preocupación na conserva 

Nesa mesma liña, o secretario xeral da patronal conserveira Anfaco,Juan Manuel Vieites, denuncia que as modificacións do Ministerio perseguen «unha eliminación masiva de toda ocupación das nosas costas para concederlle un valor paisaxístico e recreativo». A conserveira, unha industria que factura 10.400 millóns ao ano e da emprego a 26.000 persoas, sería unha das máis afectadas por unhas modificacións que Vieites  de «inaceptábeis e inasumíbel», xa que poñen en risco a continuidade de moitas das empresas do sector.  

En opinión de Vieites, o a modificación do artigo 135 do Regulamento Xeral de Costas é un proxecto «totalmente inapropiado, errático e proxectado sen ter en conta a necesaria distinción entre actividades en zona demanial». Neste senso, lembra que a industria mar-alimentaria está vencellada desde as súas orixes a un emprazamento próximo á costa pola dependencia que teñen da auga de mar nos seus procesos, ao tempo que advirte de que o sector e «crucial» na Galiza «non só pola súa contribución ao PIB e ao emprego, senón tamén por ser parte da cohesión social e interterritorial das rexións costeiras».

Da outra banda, unha das grandes beneficiadas podería ser a factoría de Ence na ría de Pontevedra. O novo regulamento do Ministerio de Transición Ecolóxica abriría a porta a que a factoría de Lourizán seguise coa súa actividade até cumprir os 75 anos de concesión, é dicir, até o ano 2032. Eso sería mesmo se quedase anulada a actual prórroga que lle concedeu en 2015 o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, unha resolución que está máis próxima após do cambio de parecer da Avogacía do Estado, que decidiu allanarse do procedemento.

A lexislación non se toca

O delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, comprometeuse nunha recente xuntanza cos representantes dos sectores da acuicultura e o marisqueo a facer chegar as súas aportacións e demandas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que as teña en conta na redacción do texto definitivo. Durante a xuntanza, Losada trasladoulles que non existe perigo algún para as concesións actuais en Dominio Público Marítimo Terrestre, como as de acuicultura ou depuración de marisco, «que manteñen as súas condicións orixinais intactas». En calquera caso, incidiu en que o novo regulamento está en fase preliminar e non modificará a lexislación, polo que as concesións continuarán co mesmo marco que até agora.

Aparte da complexidade para buscar un encaixe que satisfaga a todas as partes, o Executivo español ten por diante a difícil misión de lograr a súa aprobación nas Cortes. Para iso deberá contar con apoios doutros partidos como o Bloque Nacionalista Galego, o Partido Nacionalista Vasco ou Esquerra Republicana de Catalunya, cuxos territorios están afectos en maior ou menor medida polos cambios que promove o departamento de Teresa Ribera e que poderían ser a chave destas industrias para frear cambios lesivos para os seus intereses.