Novo feche de traballadores de Endesa nas Pontes

Novo feche de traballadores de Endesa nas Pontes
Feche das traballadoras de Endesa As Pontes nas dependencias do Mercado Municipal [Imaxe: cedida]
Feche das traballadoras de Endesa As Pontes nas dependencias do Mercado Municipal [Imaxe: cedida]  

O comité de empresa e delegadas sindicais prexubiladas iniciaron esta terceira feira un peche no Mercado Municipal das Pontes pola parálise nas negociacións do convenio.


Traballadores e traballadoras da central térmica das Pontes suman un novo feche. Ao das representantes  sindicais da mesa negociadora, que levan unha semana fechadas na sede da central, súmanse agora integrantes do comité de empresa e delegados sindicais xa xubilados que ás 9.00 horas desta terza feira iniciaron un feche nas dependencias do antigo Mercado Municipal das Pontes para denunciar a parálise nas negociacións do convenio.

O presidente do comité, Luis Varela (UGT), indicou que este feche “non ten data de finalización”. “Iniciámolo hoxe e en función das presións que poidamos facer (...) para que a mesa negociadora recapacite e a empresa séntese en serio a negociar”. Sempre e cando non lles “chantaxeen” coas “milongas” que segundo as representantes sindicais lles están a contar.  

Anos de negociacións

Neste senso, Varela incidiu en que levan “dous anos negociando o convenio colectivo e é a primeira vez na historia que a patronal o denuncia, cunha clara intención de extorsionar e someter ao colectivo de traballadoras e pasivos”.

O presidente do comité denunciou que Endesa, con 70% do seu capital en mans do Goberno de Italia “aproveitando as nosas leis dedícanse a meter a man no peto das traballadoras porque é o único que lles queda”, xa que, segundo apuntou, “o músculo económico que lle quedaba á empresa xa se repartiu en beneficios nos anos anteriores”.