Economía contradí a Feijóo e avanza que os floteis se farán quer en Barreras quer en Navantia


Economía contradí a Feijóo e avanza que os floteis se farán quer en Barreras quer en Navantia
Contradicións no seo do goberno sobre o contrato dos floteis. Mentres Feijóo daba a entender nunha entrevista cun medio coruñés que problemas na constitución dun aval poderían deixar fóra do concurso a Barreras, o conselleiro de Economía afirmaba á Radio Galega que os floteis se farán como estaba previsto, un no esteleiro vigués e outro en Navantia Ferrol. Foi alén diso e afirmou que a construción das embarcacións é "cuestión de días".

O conselleiro de Economía e Industria declarou á Radio Galega que o inicio da construción dos buques "é cuestión de días" e mesmo confirmou que unha delegación de Pemex viaxará a Galiza para se reunir con representantes dos estaleiros a fin de ir "detallando a licitación e a execución dos 25 buques que farán parte da renovación da flota menor de Pemex". Francisco Conde amosouse convencido de o proceso previo ao inicio da construción dos floteis non se ir " demorar moito".

Verbo da negativa de Navantia a construír o dique flotante en Ferrol -ao que se comprometeran en campaña eleitoral quer Feijóo quer Rajoy- o conselleiro de Economía restoulle importancia. Argumentou que en realidade o goberno galego tiña como obxectivo "ou conseguir o dique ou conseguir a carga de traballo", mas non as dúas cousas á vez. Conde fixou como prioridade da Xunta o aumento "da competitividade de Navantia no eido das reparacións".

O sector do naval -gravemente afectado por unha crise que se ten traducido na falta de carga de traballo e na destrución de milleiros de postos de traballo- ten convocada unha mobilización nacional en Compostela para esta cuarta feira.