O consello de Pemex non abordará até novembro o contrato cos estaleiros galegos

O consello de Pemex non abordará até novembro o contrato cos estaleiros galegos
Membros do consello de administración afirman non coñecer aínda o contido do acordo nin o seu alcance. Na reunión do consello, prevista para o vindeiro día 11, non se abordará o contrato cos estaleiros galegos.

O 11 de setembro Pemex celebrou unha xuntanza do seu consello de administración. Na reunión abordáronse diversas cuestións mais non o contrato con estaleiros galegos para construír dous buques hoteis, e que unha semana despois sería presentado en Compostela polo presidente da Xunta da Galiza como o revulsivo que precisaba o sector naval galego. O anuncio de Feijóo xerou unha gran treboada en Mexico, con conselleiros que criticaban que ese contrato non pasase polo consello de administración. O PRI, partido gañador das eleccións, tamén se uniu ás críticas, exixindo exlicacións a Pemex polos contratos.

O vindeiro mes de novembro volverá reunirse o máximo órgano decisorio de Pemex e daquela podería porse sobre a mesa o contrato cos estaleiros galegos atinxido pola filial PMI. Membros do consello de administración xa teñen feito público o seu malestar polo feito de que este asunto non fose tratado na xuntanza de setembro. Mesmo un deles, Flavio Ruiz, falou nunha entevista de urxencia da Xunta para en plena campaña empregar o acordo coa finalidade de beneficiar a Feijóo e o PP na carreira ás urnas.

Suspenso

A labor de PMI é procurar ofertas en estaleiros do mundo (Galiza, Noruega, Corea,...) para construír buques para Pemex. No contrato cos estaleiros galegos existiría, sinalan desde a paraestatal, unha cláusula de suspensión. Malia as reiteradas peticións de sindicatos e partidos da oposición, Feijóo aínda non fixo público o contido do acordo. Un xesto que non fai máis que aumentar as dúbidas e a inquedanza sobre que é realmente o que conteñen eses contratos.