O encargo de Pemex creará no naval só un terzo dos 3.000 empregos anunciados por Feijóo

O encargo de Pemex creará no naval só un terzo dos 3.000 empregos anunciados por Feijóo
Aos sindicatos e comités de empresa dos estaleiros non lles saen as contas e rebaixan considerábelmente a cifra dada pola Xunta do emprego que suporá o convenio con Pemex. O BNG denuncia que os acordos "non compensarán os milleiros de postos de traballo destruídos no sector".

"A contratación por parte de Pemex dun buque flotel en Ferrol e doutro en Vigo suporá un investimento de 290 millóns de euros e garantirá un emprego de máis de dous anos a un total de 3.000 persoas". O comunicado da Xunta da Galiza sobre o acordo asinado coa petroleira mexicana, e anunciado por Núñez Feijóo esta terza en plena precampaña, "destila optimismo". Esta é a máis suave das cualificacións que recibíu o anuncio do presidente da Xunta. En sindicatos e comités de empresa botan contas e non lles saen. Ignacio Naveiras (CCOO), do comité de empresa de Navantia, considera que esa cifra directamente "está inchada".

Naveiras indica que a Xunta sinalou que cada un dos buques suporá unha carga de traballo de millón e medio de horas. E un operario, lembra, realiza unha media de 1.700 horas anuais. E 1,5 millóns de horas en dous anos e medio (prazo de construción estipulado para o flotel) implica un número moito menor de empregados, que cifra por volta dos 400.

Só en Ferrol xa se destruíron 2.000 empregos no naval

E Manuel Grandal, da CIG-Naval en Ferrol, reitera que xa se destruíron 2.000 empregos nos estaleiros e auxiliares da comarca, alén de incidir en que a construción deste barco non pode presentarse como unha solución para o sector. "Agora demandamos a construción do dique flotante. Só iso xeraría o dobre de empregos que facer o flotel de Pemex"

 As contas non dan

A mesma reflexión faise en Vigo. César Rodríguez, da CIG, tamén bota man da calculadora e sinala que se a construción en Barreras do barco encargado por Pemex vai supor millón e medio de horas de traballo "só con saber as horas que lle mete aquí un operario, danos que no momento álxido desa construción haberá unhas 450 persoas a traballar nel".

Sumando, logo, os cálculos dos representantes dos operarios de Ferrol e Vigo sae que o convenio con Pemex, que Feijóo di que vai supor 3.000 empregos, fica entre 800 e mil. "Vale, menos é nada. Mais que non nos minta, e menos en campaña". 

As centrais tamén lembran que a Xunta prometeu nun principio a construción de sete remolcadores, para despois facelo de dous grandes quimiqueiros e agora o convenio é por dous floteis.

Tax-lease, dique flotante ou instrumentos públicos de aval son demandas do sector para o futuro do naval aos que nin Xunta nin Madrid deron resposta

Mais non só desde o eido sindical se cuestiona o alcance real do convenio con Pemex anunciado por Feijóo. Así, @s [email protected] indican que os contratos asinados por Pemex con Barreras e Navantia “non son unha solución para o futuro do naval, que é o que reclama o propio sector”.

Demandas que seguen sobre a mesa

O anuncio realizado esta terza por Núñez Feijóo non é só que se faga, cun arrecendo propagandístico notábel, en plena carreira electoral. Tamén se fai nun marco de forte mobilización no naval galego (nestes días en Ferrol, con peche indefinido no concello incluído). Desde Ferrol, sindicatos e comité de empresa. reiteran que a solución pasa pola construción do dique flotante e abrirse á construción civil. Desde Vigo, incídese no tax-lease ("aí tería que estar o goberno galego, presionando ao noso favor", reitera Rodríguez, da central nacionalista) e na activación dun  "instrumento público que avale os contratos".

Uns acordos insuficientes para BNG e PSOE

Os grupos da oposición tamén manifestaron a súa opinión sobre os acordos asinados por Pemex. No BNG reprochan a Feijóo “anunciar ao final dunha lexislatura ‘fume electoral’ que non compensará os milleiros de postos de traballo destruídos no sector”. Malia cualificar de positivo o feito de que a compañía mexicana dea carga de traballo aos estaleiros galegos, para o BNG a escenificación destes acordos amosa “a desesperación de Feijóo”. A candidata nacionalista por Pontevedra, Carme Adán, así o sinalou ao afirmar que “nos minutos de desconto do seu mandato, Feijóo pretende aparentar que fai o que non fixo en tres anos e medio de goberno”

En similares termos se manifestou o cabeza de lista do PSOE por Coruña, Francisco Caamaño, para quen os contratos asinados por Pemex con Barreras e Navantia “non suplen a necesidade de contratar un dique flotante, como reclama o propio sector”. Caamaño chamou a “non confundir a realidade cos tempos electorais”.