O PRI exixe a Pemex que explique quen autorizou o seu contrato con estaleiros galegos

O PRI exixe a Pemex que explique quen autorizou o seu contrato con estaleiros galegos
Estaleiro Vigo
Estaleiro Vigo  SG
O Partido Revolucionario Institucional, gobernante en México, pediu no Senado que a multinacional con presenza estatal dea conta sobre a operación 'vendida' por Feijóo en plena precampaña como salvación do naval galego

O grupo parlamentar do PRI no Senado de México vén de exixir a Pemex aclaracións sobre quen autorizou o convenio para construir dous buques hoteis en estaleiros galegos. Unha petición que o partido gobernante no país centroamericano vén de facer tras publicar o xornal La Jornada que o acordo se adoptou de costas ao consello de administración da multinacional, sen pasar este polos organismos preceptivos e mesmo sen ter claro de onde sairán os cartos para pagar eses buques. 

O PRI solicita a Pemex que presente un "informe detallado" sobre os pasos que levaron á paraestatal a aprobar un convenio de perto de 300 millóns de euros con estaleiros galegos ("que levaban cinco anos sen un contrato asinado"), alén de aclarar quen autorizou a operación e cal vai ser o beneficio para México.

Dúbidas legais

Tamén se exixe a Pemex que explique que fundamentos legais amparan esta operación pois, afirma o PRI, "hai infinidade de interrogantes" sobre esta cuestión. 

O convenio de Pemex cos estaleiros de Barreras e Navantia, polo cal cada un deles construirá un buque hotel, foi amplamente vendido pola Xunta a semana pasada, que cifrou en 3.000 os empregos que xeraría esta adxudicación. Unha cifra xa desmentida polos propios [email protected] dos estaleiros e os sindicatos, que a rebaixan a, como moito, un terzo dese número.