O seguinte recibo cobrará a luz, a auga e o gas co IVE do 21%, tamén o consumo de agosto


O seguinte recibo cobrará a luz, a auga e o gas co IVE do 21%, tamén o consumo de agosto
O ministro de Industria declara que a subida do imposto non se aplicará ao subministro anterior ao 1 de setembro. Mais a Lei do IVE de 1992 ampara ás empresas para cobrar segundo o novo tipo impositivo. Nin PSOE nin PP mostraron intención de mudala

As facturas da luz, a auga, o gas e o teléfono que chegarán en setembro aos fogares galegos gravarán o subministro aplicando xa a subida do IVE --até o 21%-- que entrará en vigor a partir do 1 de setembro, aínda que parte do consumo se produciu no mes anterior, pois o recibo corresponde ao periodo comprendido entre o 15 de agosto e o 15 de setembro.

As palabras do ministro de Industria e Enerxía, José Manuel Soria, advertindo de que o Goberno español non permitiría que as empresas aplicasen a subida do imposto a consumos realizados antes da entrada do mes "sementou a confusión" entre @s [email protected], advirten desde a organización Facua.

"Dicimos abertamente que quen teña a tentación de caer nun tipo de prácticas aproveitando unha suba do IVE para repercutir ese aumento en consumos feitos con anterioridade ao 1 de setembro terán que asumir as consecuencias desa conduta, absolutamente reprobábel".

Foi o que dixo o ministro en declaracións a unha axencia de noticias, obviando que é a propia Lei do IVE, aprobada en 1992, a que neste caso ampara ás compañías para aplicaren o imposto de maneira retroactiva. Por conseguinte, desde Facua lamentan "o descoñecemento" manifestado por Soria ao redor da aplicación dos impostos que figura nesta norma española, que xa se aplicou en 2010, cando o Goberno que encabezaba José Luís Rodríguez Zapatero procedeu á suba do IVE do 16% ao 18%. As facturas de maio e xuño cobráronse co imposto que entraba en vigor en xullo mais, desde aquela até hoxe, tanto PP como PSOE torceron a cara ante as reclamacións [email protected] [email protected] e non manifestaron intención ningunha de mudar a lei. O custo engadido nos recibos non vai parar ás empresas: ingrésao o estado.

Explica o colectivo en defensa das persoas consumidoras que, tal e como recolle o artigo 75, as facturas de suministros de percorrido sucesivo, como a auga, a luz, a televisión, a telefonía ou o acceso á Internet, cobraranse aplicando o novo IVE se a obriga de pagamento se xera despois do 31 de agosto, como é o caso. Mais iso non é todo. Unha resolución ditada polo Ministerio de Facenda con data do 2 de agosto lembra xustamente esta circunstancia, sinalando que a aplicación dos novos tipos impositivos "resultará plenamente axustada a Dereito". Mais unha vez, Facua exixe que, se o Goberno español non vai aprobar pola vía da urxencia unha modificación da Lei do IVE, o ministro Soria rectifique publicamente o seu erro.