“A operación de venda de Ferrotlántica é unha fraude”

“A operación de venda de Ferrotlántica é unha fraude”

A CIG lamenta que a Xunta non lle comunicara ao persoal que a empresa xa presentou a documentación para cancelar o leassing.


O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, a dirección de Ferroatlántica a e unha representación de Ithaka reuníronse para tratar as condicións da venda do complexo industrial e enerxético da Costa a Morte. Nesa xuntanza, solicitada polo comité, a CIG considera que se confirmou o que vén denunciando desde o inicio do proceso: “Estamos ante unha operación fraudulenta a través da que o Grupo Villar Mir pretende levar adiante unha segregación encuberta das centrais coa que esquivar as cláusulas concesionais, e facer caixa cos nosos recursos naturais”.

Malia o cambio de propiedade, explica o sindicato, Ferroatlántica seguiría levando a xestión das fábricas de Cee e Dumbría, sendo o seu provedor exclusivo e o comprador único de toda a produción. Así, as plantas funcionarán “como unha especie de subcontratas de FerroGlobe, dependentes das súas decisións empresariais, mais fóra do grupo”. Fica claro para a CIG que ao fondo TPG e á sociedade Ithaka “só lle interesa o negocio da produción eléctrica e os substanciosos beneficios que reporta”.

O Grupo Villar Mir pretende levar adiante unha segregación encuberta das centrais coa que esquivar as cláusulas concesionais, e facer caixa cos nosos recursos naturais

De feito, o comprador confirmou que manterá os recursos legais presentados contra a resolución de Augas de Galiza denegando a autorización para a segregación das centrais e que tampouco vai retirar o ERTE formulado para as fábricas de Cee e Dumbría.

A CIG informa tamén que no marco desa xuntanza transcendeu que Ferroatlántica presentou o pasado 1 de xullo na na Xunta a documentación para solicitar a amortización anticipada do arrendamento financeiro das centrais, “nun intento de legalizar esta operación fraudulenta”.

A sección sindical da CIG propuxo ao comité pedir unha reunión urxente coa Xunta para coñecer os termos exactos da solicitude de Ferroatlántica e saber cales son as pretensións do Goberno galego.