A oposición ve continuísmo e autobombo nas contas de Feixoo

A oposición ve continuísmo e autobombo nas contas de Feixoo
O presidente Alberto Núñez Feixoo na rolda de prensa posterior ao Consello [Imaxe: Xunta]
O presidente Alberto Núñez Feixoo na rolda de prensa posterior ao Consello [Imaxe: Xunta]  

Os partidos da oposición critican a falta de medidas para facer fronte á crise industrial ou para o fomento da innovación.


O avance dalgunhas das medidas contempladas no proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 non gustou a ningún dos partidos da oposición. Especialmente as medidas fiscais, que pasan por rebaixas para compra de vivenda do rural ou a exención do imposto de sucesións para herdanzas de menos dun millón de euros.

O líder da oposición, Gonzalo Caballero, ve no proxecto “unha carta aos reis magos” ou “de despedida” de Feixoo “despois de once anos de falla de axudas e de falla de resultados positivos para o país”.

Luca Chao, do Grupo Común da Esquerda, tamén cre que os orzamentos para o vindeiro ano insisten en aplicar medidas fracasadas e non achegan solucións para que os de abaixo non paguen as consecuencias da desaceleración económica.

Para a portavoz do BNG, Ana Pontón, a contas son “puro continuísmo” cunha “alta dose de propaganda e autobombo” e, sobre todo, carentes de medidas para atopar unha saída aos 6.000 postos de traballo en xogo no sector industrial.

Luís Villares, portavoz do Grupo Mixto,  cualificou de “demagóxicas” as rebaixas fiscais. “Non estamos de acordo con que quen herda 900.000 euros non pague ningún imposto”. “Non se pode seguir baixando o imposto de patrimonio aos máis ricos. As 6.000 persoas máis ricas da Galiza pagaron este ano 17 millóns menos, e iso non é xusto”, criticou.

Recortes sociais

No que coinciden tamén todos os partidos é en destacar a ausencia de medidas para facer fronte á crise industrial e na falta de revisión de recortes no eido social. Neste senso, lembran que o investimento social é agora menor que en 2009 a pesar de ter máis riqueza, e partidas como a de sanidade son inferiores a cando chegou Feixoo á Xunta.

“Están poñendo a sanidade pública contra as cordas”. “Só en atención primaria 2.000 millóns de euros menos ao longo da década de goberno do PP”, apunta Pontón.

En relación aos recentes datos de pobreza na Galiza, Caballero aludiu a 5% de galegas que teñen ingresos por debaixo de 370 euros, un dato que segundo el “é unha clara mostra da falla de compromiso que tivo coas necesidades sociais dos galegos e contrastan cos grandes anuncios que fai”.

Villares tamén lamenta a baixa execución orzamentaria que se produce cada ano e cifrou, para pór un exemplo, en 945 millóns as partidas que quedaron sen executar entre 2011 e 2018 en materia de emprego.

Todo ao Xacobeo

Luca Chao, pola súa banda, bota en falta apostas para situar a Galiza á vangarda en I+D+i, transición ecolóxica ou coidados e cre que as contas baséanse “nun desenvolvemento turístico propio dos anos 60 que non xera riqueza nin emprego de calidade”. “Todo o sentido común insistiría en traballar na vía contraria”, engade.

Para Pontón, o feito de que a grande aposta de Feixoo para manter a economía sexa o Xacobeo é un claro signo de que o seu proxecto está esgotado, unha idea na que afonda Caballero, para quen “Feixoo xa non ten credibilidade diante das galegas e dos galegos”.