EDITORIAL SERMOS330

Os orzamentos da aldraxe

Os orzamentos da aldraxe
Os orzamentos irán agora a debate no pleno do Congreso
Os orzamentos irán agora a debate no pleno do Congreso  SG

Galiza é o territorio do Estado que soporta o maior recorte en investimentos nos orzamentos do Goberno de Pedro Sánchez: unha caída do 19%, 180 millóns menos que deixan a cantidade por baixo dos 760 millóns. O recorte nos orzamentos —que saíron dun pacto entre o PSOE con Unidos-Podemos, En Comú Podem e En Marea— é aínda máis grave porque as de 2019 son unhas contas expansivas. Outros territorios rexistran subas importantes, como Catalunya, que recibe 2.051 millóns (un incremento do 51,8%); Andalucía, con 2.132 millóns (43,5%) ou a Comunitat Valenciana, con 1.189 millóns (9,8%).

Non serve como escusa a caída de investimentos para as obras do AVE, pois en Andalucía esta infraestrutura leva máis de 25 anos rematada e alí o investimento medra máis do 40%. Por outra banda, seguimos a carecer de tren de proximidade e padecemos unhas conexións decimonónicas, basta con advertir que o tren A Coruña-Ferrol tarde case tanto como o AVE Madrid-Valencia, case unha hora e media.

Entre as materias pendentes urxentes atópanse o saneamento das rías —das máis de 2.000 mariscadoras que había nos oitenta na ría do Burgo, hoxe quedan pouco máis de 100—; os 180 millóns de euros que o Estado debe en dependencia; xulgados de violencia de xénero en todas as cidades; unha tarifa eléctrica galega ou acabar coa estafa das peaxes. A solución pasa por unha emenda de devolución e que as deputadas e deputados galegos abandonen o partidismo e negocien, de verdade, unha axenda galega.
 



x