10 PREGUNTAS E 10 RESPOSTAS

Outro modelo fiscal

Outro modelo fiscal

O sistema de financiamento autonómico leva catro anos prorrogado. A idea inicial de revisalo cada lustro mantívose até o ano 2009, data en que se aprobaron as últimas bases dun modelo que, en esencia, botou a andar en 1987 e que, de se cumpriren os prazos, debeu renegociarse en 2014, sen éxito. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 296.


6O Goberno do Partido Popular leva desde 2013 manifestando a súa intención de modificar algúns aspectos que permitan adecuar o sistema de financiamento ás diferentes realidades, incluída a galega, nomeadamente a que ten que ver coa demografía –os factores devalo e dispersión–, aínda que sen entrar na cerna do asunto: a posibilidade de estender o modelo vasco-navarro ao resto das Comunidades Autónomas, unha demanda que a maioría parlamentar galega non quere para o país malia as evidentes vantaxes que suporía a súa asunción.
O economista Xosé Díaz, autor do libro editado por Sermos Galiza As contas que nos contan, explica en dez respostas como é o sistema actual, que eivas ten e por que urxe mudar o modelo.

1. Que é un sistema de financiamento?


Os sistemas de financiamento (SdF) teñen a súa razón de ser nos Estados nos que existe unha descentralización, ben de carácter administrativo, de simple xestión en determinadas materias, ben de carácter político, no que as unidades descentralizadas dispoñen de soberanía sobre o manexo dos ingresos e dos gastos. No Estado español existe unha soberanía única que descansa nunha suposta “nación única”, de maneira que as CCAA do réxime común non dispoñen de poder exclusivo ningún máis que nun grao mínimo (os tributos propios, de escasa contía). Os SdF tratan, pois, de como financiar as competencias transferidas ás unidades descentralizadas para que poidan ser levadas a cabo realmente. Os dous principios para a súa avaliación son o de suficiencia (cuantitativo) e o de autonomía (cualitativo). 

2. Que tipos de sistemas de financiamento existen no Estado español?

Dunha banda, o de concerto e convenio (Euskadi e Nafarroa, respectivamente). Aquí a soberanía fiscal recae exclusivamente sobre os territorios históricos –as Deputacións forais-, que recadan, xestionan e regulan soberanamente todos os impostos, aínda que nos casos do IVE e dos impostos especiais deben manter os mesmos tipos. Estamos, polo tanto, diante de catro facendas soberanas. Da outra, o chamado réxime común, que afecta ao resto das CCAA, ás que o Estado cede unha serie de impostos e parcialmente o rendemento dos máis importantes (50% do IRPF e IVE e o 58% dos impostos especiais). Posto que, polo xeral, esa canastra de impostos cedidos non abonda para facer fronte ao suposto custo das competencias transferidas, o Estado artella unhas transferencias para que igualen o suposto custo de competencias transferidas. O sistema de concerto corresponde coa idea dun territorio como nación, mentres que o de réxime común, coa idea de rexión. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 295 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x