Pemex adxudicou os 2 floteis a Galiza ás costas do seu consello de administración


Pemex adxudicou os 2 floteis a Galiza ás costas do seu consello de administración
Polémica en México: a adxudicación por Pemex de 2 buques hoteis a estaleiros galegos fíxose sen coñecemento do consello de administración da multinacional, sen pasar polo proceso de licitación e descoñecendo como se financiará a operación.

O xornal mexicano La Jornada vén de desvelar a polémica que se abre na multinacional petroleira Pemex a raíz da adxudicación da construción de dous buques hoteis a estaleiros galegos. O contrato, profusamente vendido pola Xunta en plena campaña preelectoral, implicaría toda unha serie de incorreccións, segundo membros do consello de administración desta compañía mexicana.

Así, e segundo cita La Jornada, a adxudicación fíxose sen informar este órgano de xestión e decisión da compañía. Até tal punto que non tiña coñecemento da operación (que implica un custo de perto de 300 millóns de euros) nin o Comité de Estratexias e Investimentos (organismo que ten entre as súas funcións avaliar este tipo de proxectos).

Para alén diso, a operación faríase sen levar a cabo unha licitación pública internacional para o concurso de participantes (tanto nacionais como estranxeiros), descoñécense as vías de financiamento da operación, e os que aprobaron a adxudicación deixan en breve o cargo deixando comprometidos unha serie de recursos.

Ademáis, e sempre segundo a versión deste xornal, non está clara que a adxudicación implique a obriga dos fabricantes de incorporar nos buques unha procentaxe de "contenido nacional" mexicano, algo que Pemex ten que facer, sinalan.

Propaganda versus feitos

O convenio de Pemex cos estaleiros de Barreras e Navantia, polo cal cada un deles construirá un buque hotel, foi amplamente vendido pola Xunta a semana pasada, que cifrou en 3.000 os empregos que xeraría esta adxudicación. Unha cifra xa desmentida polos propios traballadores dos estaleiros e os sindicatos, que a rebaixan a, como moito, un terzo dese número.

Denuncia do PSOE

O PSOE vén de denunciar ante a Xunta Electoral que o PP está a empregar de forma partidista, afirman @s socialistas, os contratos de Pemex para estaleiros galegos valéndose para iso da "propia páxina web da Xunta".