Prensa mexicana: Pemex prevé levar o estaleiro de Barreras a México

Prensa mexicana: Pemex prevé levar o estaleiro de Barreras a México

“O que se procura é que ao ser o socio maioritario de Barreras, todo o investimento se faga en México" afirma a paraestatal azteca. E, "que nun momento dado", o estaleiro "se traia a unha cidade de México". Mesmo apuntan posíbel ubicación: Ciudad del Carmen. Son afirmacións recollidas pola prensa do país centroamericano realizadas por fontes da petroleira


Pemex xoga forte. Prevé investir por volta de 450 millóns de euros na renovación da súa flota. Unha aposta a medio e longo prazo que a paraestatal explicou para medios mexicanos como El Universal. “O que se procura é que ao ser socio maioritario do estaleiro (en referencia a Barreras), todo o investimento se faga en México".

É máis, mesmo apuntan desde esta empresa que "a idea que se ten é que nun momento dado o estaleiro se traia a México, probabelmente a cidade do Carmen, Campeche, e iniciar deste xeito a transferencia tecnolóxica completa".

Alías, tamén nesa nova recollida en El Universal deixa claro a fonte da dirección de Pemex que vai descontar do prezo dos floteis o que pague polo 51% das accións. Cómpre lembrar que se falaba dunha achega de capital duns 10 millóns de euros por parte da petroleira

Un paso máis

Xa no seu comunicado oficial horas após se coñecer a nova de que ía adquirir o 51% de Barreras, Petróleos Mexicanos afirmara textualmente: “O obxectivo que persegue PEMEX, a través do vehículo de investimento seleccionado, é transferir a medio prazo o coñecemento tecnolóxico de HJB para crear capacidade construtora de buques especializados en México, a fin de poder atender a demanda de PEMEX.”

Agora dá un paso máis e apunta a idea de levar o estaleiro para México. Unha opción a medio prazo coa que dotar ao naval do país azteca do saber facer necesario para o rexurdir do seu sector naval, un vello anceio do goberno e da propia Pemex.