“A perda de granxas leiteiras supón que moitas áreas do país camiñan cara á desertización”

“A perda de granxas leiteiras supón que moitas áreas do país camiñan cara á desertización”

Fruga demanda á Consellaría de Medio Rural que active un plan para frear o fechamento de explotacións, máis de 400 neste ano.


O prezo medio do leite galego está en 31,4 céntimos, moi por debaixo da media do Estado (32,5). O prezo que se paga polo leite non cubre sequera os custos de produción, que informes técnicos  sitúan en 35 céntimos por litro. Este desfase orixina perdas nos produtores e ten como consecuencia última o fechamento de explotacións leiteiras: 419 no que vai de ano, ficando actualmente no noso país 7632 ganderías.

“A perda de unidades de produción no sector lácteo, supón que moitas áreas do país camiñan cara a desertización a pasos axigantados, convertido o país en grandes masas de eucaliptos, e ao mesmo tempo en pasto de lume. Un medio rural vivo, precisa dunha actividade agropecuaria cunha presenza humana nas nosas aldeas”, indican desde a Federación Rural Galega, Fruga.

Esta organización demanda da Consellería do Medio Rural un plan para frear esta perda de explotacións. Lembran que as explotacións que se están a valorizar son as que se centran nas producións tanto ecolóxicas como as que teñen como base a produción de leite en sistemas de pastoreo. De aí que insten á administración a desenvolver medidas e actuacións de apoio a este tipo de iniciativas.



x