O persoal de Endesa As Pontes urxe aclarar o futuro da planta

O persoal de Endesa As Pontes urxe aclarar o futuro da planta
[Imaxe: CIG] Concentración do persoal de Endesa As Pontes en Compostela.
[Imaxe: CIG] Concentración do persoal de Endesa As Pontes en Compostela.  
Traballadores e traballadoras mobilízanse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Compostela. Alertan de que a falta de actividade da central térmica ten consecuencias sobre todos os sectores económicos da vila e da súa comarca, e demandan información respecto das tres reunións que o goberno galego solicitou á compañía.

A mobilización apoiou ás representantes do persoal da empresa nas Pontes que, xunto o alcalde das Pontes, Valentín González (PSdG) e representantes dos transportistas, mantiveron unha entrevista coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; o secretario xeral da consellaría de Economía e o Director Xeral de Enerxía. Na rúa, os concentrados provocaron un corte de tráfico, mentres nas Pontes a compañía paralizaba esta sexta feiras as obras de reforma de dous grupos.

“É extremadamente urxente unha reunión coa alta dirección de Endesa para que aclare as súas intencións na central das Pontes”, coincidiron os representantes das traballadoras e traballadores. “Non podemos seguir dando pasos nesta situación sen saber o que pensa a dirección de Endesa”, incidiu Alberte Amado, membro da CIG, e explicou que a multinacional ten que falar cos sindicatos e en presenza da administración pública. “Ten que dicir o que pretende facer coa central térmica, máis logo de que paralizasen as obras de reforma de dous grupos porque, aínda que di que as paraliza temporalmente, iso pon en cuestión a viabilidade futura da planta”, advertiu Amado.

O goberno galego comprometeuse a tramitar xuntanzas coa dirección de Endesa en Madrid (para esixirlle que non tome medidas que afecten ao emprego), co Ministerio de Transición Ecolóxica (para pedir a modificación do chamado céntimo verde), e co comisario europeo de Enerxía e Acción polo Clima (para abordar a regulación do mercado de emisións de dióxido de carbono).

A solicitude xa foi tramitada mediante escrito asinado polo propio presidente da Xunta. 

Próximas mobilizacións

O día 16, segunda feira, está prevista unha concentración do persoal da empresa ás 11:00 horas diante do Viceconsulado italiano na Coruña, polo conflito dos beneficios sociais de Endesa, que segue aberto, e ás 12:00 horas a protestas chegará á Delegación do Goberno para denunciar a paralización da central térmica.