MIGUEL A. IGLESIAS, PATRÓN MAIOR DE RIANXO

“Na pesca artesanal os beneficios quedan nas vilas, non marchan para fóra”

“Na pesca artesanal os beneficios quedan nas vilas, non marchan para fóra”
Imaxe: Canal Rias Baixas
Imaxe: Canal Rias Baixas  

O patrón maior rianxeiro acaba de regresar de Bruxelas, onde fixo parte da delegación galega que reclamou un “trato diferenciado” para a pesca artesanal, unha actividade, advirte, na que se sustenta economía e vida de boa parte da Galiza costeira.


Unha delegación de diversos axentes relacionados coa pesca artesanal estivo en Bruxelas para esixir un “trato diferenciado” para o sector. Participaron na xornada de traballo organizada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda. Miguel A. Iglesias, patrón maior de Rianxo, un dos portos cun peso importante da pesca artesanal, agarda que na loita pola defensa deste sector haxa unha maior implicación social

- Cal é a situación da pesca artesanal?

- Está medio en coma. O tema dos descartes, por exemplo, ou o diario electrónico non fan senón sumar ás dificultades e complicacións para un sector que parece que o empurran cara ao desastre: coas cotas que temos en moitas artes, cos impedimentos… Ademais das dificultades agora, tamén poñen o relevo xeracional moi complicado: que mozos van querer dedicarse á pesca artesanal se ven que os que traballan agora apenas lles dá para saír adiante?

"A pesca artesanal está medio en coma"

- Notastes en Bruxelas sensibilidade ou receptividade cara á problemática que lle espuxestes?

- Tomar, tomaron nota de todo e eles sabían cal é a situación da pesca artesanal. Nós o que non entendemos é que desde alí, da Unión Europea, se fale tanto da importancia da pesca artesanal, haxa un discurso de que hai que axudala, de darlle axudas e facilidades; e despois as políticas que se adoptan sexan totalmente diferentes a ese discurso. Non sabemos se iso é culpa de Bruxelas ou de aquí [polos gobernos galego e español]

- Unha das leis que entendedes que vai ser prexudicial é a do desembarque

- Iso na pesca artesanal non ten sentido porque non hai descartes, esa lei pode fastidiar moitas pesqueirías. A pesca é selectiva, de forma que todo o peixe recollido é vendíbel. Non se desbota. E unha cousa máis: este tema do descarte implica que se unha pesqueiría está fechada, imaxínate o xurelo ou a raia, todas as artes que sexan perceptíbeis de pescar esa especie deberían ficar amarradas, non poder faenar. A maioría das artes que temos en Galiza na baixura son  perceptíbeis de coller diferentes recursos e especies. Tería toda esa frota que estar amarrada a porto?

“Esta actividade é un factor que fixa poboación nos núcleos costeiros”

- En Rianxo falar de pesca artesanal é, entre outras artes, falar da arte do xeito e dos anos que se leva loitando pola súa defensa contra normativas e cotas que pretenden finiquitalo. Como está a día de hoxe a situación do xeito [para o que teñen licenza máis de 400 embarcacións en Galiza]?

- A ver como queda este ano. En principio non sabemos se vai haber ou non pesqueiría. Polo que fomos falar a Madrid, os biólogos eran partidarios de pesqueiría cero para a sardiña [prohibido pescar esta especie] Esperamos que recapaciten, xa lles explicamos por activa e por pasiva que a pesca artesanal non inflúe no stock da sardiña, non somos como as frotas industriais que capturan toneladas e toneladas. Cando falamos de pesca artesanal hai que ter en conta que é un factor que fixa poboación nos núcleos costeiros, ten unha vertente socioeconómica moi importante: o capital aquí non vai para a unha soa persoa, como noutras actividades, senón a miles de persoas, que ese capital fique nesas vilas e circule aí, non marcha para outros sitios.

- Hai futuro?

- De seguir así? Isto morre, desfaise. E se morre a pesca artesanal en boa medida van morrer as vilas costeiras, por iso nesta loita temos que involucrarnos todos, non só mariñeiros, tamén alcaldes, veciñanza…