Alcoa San Cibrao reduce a súa produción en 11%

Alcoa San Cibrao reduce a súa produción en 11%

As traballadoras e traballadores temen “medidas de difícil reversión” se non se define un novo marco enerxético que garanta a viabilidade da factoría.


A falta dun novo marco regulador para as industrias electrointensivas está xa a ter consecuencias importantes na planta que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao. A factoría leva varios días con 32 cubas de electrólise paradas dun total de 512 que a empresa non ten intención de tocar até que haxa un novo marco enerxético.

O presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, sinalou que a parada das cubas non afectou ao cadro de persoal e que no momento que se queiran volver poñer en marcha pódense arrancar facilmente. Porén, amosou a súa preocupación polo camiño que se ten iniciado con esta decisión e teme que a empresa poida tomar “outras medidas de máis difícil reversión” e que a situación da factoría sexa un reflexo do acontecido nas da Coruña e Avilés.

Nos últimos meses, apunta Paleo, a produción viuse reducida en 11% como consecuencia da parada das cubas e a redución da intensidade de todas a series de 168.000 amperios a 160.000.

Continúan as mobilizacións

Ante esta situación, as traballadoras e traballadores de Alcoa volvéronse concentrar esta sexta feira perante as instalacións da factoría en San Cibrao. Tamén teñen previsto un acto a vindiera cuarta feira en Xove e continuar coas protestas ttodas as sextas para esixir unha saída ao Goberno central, ao que lembran que “segundo pasa o tempo achéganse ao precipicio”.