OS FOGARES DAS COMARCAS DO INTERIOR SON AS QUE MENOS CARTOS TEÑEN PARA GASTAR

A pobreza cébase co rural galego

A pobreza cébase co rural galego
O primeiro mapa reflicte a renda bruta por fogar, mentres que no segundo figuran os concellos con ingresos por unidade de consumo inferiores aos 5.000 euros.
O primeiro mapa reflicte a renda bruta por fogar, mentres que no segundo figuran os concellos con ingresos por unidade de consumo inferiores aos 5.000 euros.  
A crise demográfica fai que a riqueza se concentre cada vez máis nos grandes núcleos de poboación. Oleiros mantense como o concello con maior renda per cápita da Galiza e figura xunto cos da Coruña e Santiago de Compostela entre os 50 máis ricos do Estado español. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza
 

m3_EconomiaO 17 de outubro foi o día elixido polas Nacións Unidas como o Día internacional para a erradicación da pobreza para pór en valor a loita das persoas que se atopan nesta situación e que empregan a súa experiencia para contribuír á súa erradicación. Na Galiza, case unha de cada catro galegas (23% da poboación) forma parte do colectivo en risco de pobreza ou exclusión social. Son 4 décimas máis que o ano pasado, segundo reflicten os datos da Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes ao exercicio 2018. Ben é certo que desa cifra 13,1% da poboación está afectada unicamente por un dos factores, o que se refire a situacións de risco de pobreza relativa, mentres que 3,7% das galegas atópase en situación de privación material severa. As persoas afectadas polos tres compoñentes da taxa AROPE, a que mide o risco de exclusión e de pobreza, alcanzan na Galiza a 1,1% da poboación, o que supón algo máis de 30.000 persoas en risco de pobreza relativa, privación material severa e baixa intensidade laboral. Segundo apunta a Fundación Fomento de Estudos Sociais e Socioloxía Aplicada (Foessa) no seu Informe sobre Exclusión e Desenvolvemento Social na Galiza, perto de dous millóns de galegas viven alleas a situacións de exclusión social ou pobreza monetaria, mentres que 198.000 atópanse no grupo máis desfavorecido, no que á pobreza económica súmase a exclusión social. 

Na Galiza, case unha de cada catro galegas (23% da poboación) forma parte do colectivo en risco de pobreza ou exclusión social

Fenda de xénero

Outro indicador sobre a situación económica das galegas é a Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga), que o pasado ano beneficiou 14.338 persoas. O perfil de receptor desta prestación autonómica, segundo o Informe sobre a aplicación e avaliación da Lei de inclusión social encargado pola Consellaría de Política social da Xunta, corresponde a unha muller de entre 35 e 54 anos que vive de aluguer, soa ou con familiares ao seu cargo, con estudios primarios e nun municipio de máis de 50.000 habitantes. De feito, as mulleres representan 63% das beneficiarias desta prestación. En canto á formación das persoas que perciben esta renda, 7,2% rematara a secundaria ou tiña estudos superiores. E no que atinxe ás problemáticas asociadas á súa situación, 14,8% eran persoas estranxeiras de fóra da Unión Europea, 14,2% persoas cun algún tipo de discapacidade, 13,7% sustentadoras de familias monoparentais, 10% por pertenza a unha minoría étnica, 3,1% por dependencia das drogas e 1,5% con problemas de alcoholismo. 90% de todas elas coa problemática común de non ter traballo.

Os efectos da crise

O duro golpe da crise tamén pasou factura na sociedade galega e contribuíu a marcar aínda máis as desigualdades. Entre 2008 e 2017, o único grupo que acusou unha perda de renda foi precisamente o 20% más pobre; as persoas ricas experimentaron un moderado incremento dos seus ingresos, mentres que a maior alza rexistrouse en 60% da poboación que constitúe as clases medias. Esas mesmas clases medias están a padecer agora o problema do acceso á vivenda, que é un dos factores que condiciona a economía de calquera familia. Segundo un informe da Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), alugar un inmoble na Galiza é hoxe 13% máis caro que antes da crise, mentres que mercalo é 21% máis barato. Aínda así, as galegas deberían dedicar oito anos e medio de salario íntegro para custealo. A alza no prezo dos alugueiros débese fundamentalmente ao incremento da demanda. Comprar un piso hoxe en día é un luxo para moitos. Os soldos non dan para pagar os altos prezos da vivenda en propiedade e as dificultades para acceder a unha hipoteca son outra importante barreira de acceso. Esta situación leva a xuventude a optar polo alugueiro, aínda que tamén hai un crecente compoñente ideolóxico en contra da propiedade, xa que a inestabilidade do mercado laboral non pode garantir a continuidade dun traballador nun mesmo lugar por moito tempo. Pero na suba dos alugueiros tamén influíu o cambio de tendencia nas persoas propietarias que buscan converter a súa vivenda nunha fonte de ingreso, na que cada vez cobran maior importancia os alugueiros vacacionais, xa que xeran moito máis beneficio, a pesar das implicacións fiscais e económicas que conleva o feito de ser unha actividade regulada que obriga o propietario a estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas. Cobrar 60 euros ao día dun turista pode ser máis rendíbel que asegurar 600 euros dun inquilino ao mes.

A riqueza vai por barrios

Relacionado coa maior oferta de empregos nas cidades ou non, os datos do INE certifican a concentración de rendas nas grandes áreas urbanas en detrimento das zonas rurais. Así, na comarca da Coruña concéntranse as rendas máis altas, sendo o Concello de Oleiros o que lidera o listado, cunha renda media por fogar de 41.150 euros. Xunto con el, A Coruña e Santiago de Compostela, con 34.068 e 31.973 euros por fogar concentran boa parte da riqueza na Galiza e sitúanse ademais entre os 50 concellos do estado español con maior renda por habitante. 

As outras clases de pobreza

Ter emprego hoxe en día tampouco garante escapar da pobreza. Segundo a Organización Internacional do Traballo, unha de cada dez traballadoras é pobre como consecuencia da caída dos salarios. As persoas expertas consideran que esta nova realidade ten moito que ver coa maneira en que se enfronta a crise e as políticas comerciais que levaron a deslocar moitas empresas para abaratar custos. Con rendas baixas, as familias ven como a factura da luz leva boa parte dos seus fondos, o que as obriga a prescindir ou restrinxir o uso da calefacción no inverno ou a optar por alternativas máis perigosas como o uso de candeas. É a chamada pobreza enerxética, fogares nos que non poden ser satisfeitas as necesidades básicas de subministracións de enerxía polo baixo nivel de ingresos. Unha situación que pode verse agravada por non ter unha vivenda eficiente. Na Galiza afecta en maior ou menor medida a un de cada dez fogares. Para evitar esta situación, á parte dos bonos sociais e eléctricos, existen mecanismos como as restricións aos cortes de subministración, axudas á rehabilitación e eficiencia enerxética e medias de concienciación social. O problema é que na Galiza segue existindo a fenda entre o rural e a cidade e non todos os trucos serven para as mesmas situacións, e menos cando existen diferenzas tan notábeis no nivel de renda, e o kilovatio segue a costar o mesmo en Oleiros que en Avión.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]