A pobreza enerxética nunha nación produtora de enerxía

A pobreza enerxética nunha nación produtora de enerxía
Fogares que chegan con dificultades a fin de mes [INE]
Fogares que chegan con dificultades a fin de mes [INE]  

Na Galiza o 16% dos fogares non poden permitirse manter unha temperatura acaída, segundo o INE, embora ser exportadora de enerxía.


A Enquisa de condicións de vida publicada polo INE sitúa a Galiza como o terceiro territorio onde máis fogares non poden permitirse manter unha temperatura acaída, un feito vencellado polo instituto de estatística ao conxunto de variábeis que definen a exclusión social. 

O noso país tórnase, neste senso, o terceiro territorio de todo o estado que maiores dificultades amosa só superado por Murcia (18,5%) e o País Valenciá (18,4%). Aliás, sitúase 5 puntos por riba da media estatal (11,1%) e moi lonxe doutras formacións sociais deficitarias no plano enerxético, como Madrid (8,5%)

Galiza é o terceiro territorio do estado que maiores dificultades amosa no mantemento da temperatura nos fogares

Estes datos contrastan co feito de que Galiza sexa unha nación produtora de enerxía que mesmo se ten tornado nun dos principais territorios de exportación eléctrica do Estado. Así, no informe publicado no 2011 (o último até o momento) pola Rede Eléctrica Española (REE) o noso país sitúase como a quinta comunidade exportadora cun excedente de 6.274 gigavatios hora (GWh). 

Exclusión social

Segundo o INE a pobreza enerxética ou a imposibilidade de facer fronte a aquelas cuestións vencelladas coa enerxía como por exemplo o quecemento e refrixeración do fogar, constitúe unha "carencia material severa" como o son non poder afrontar gastos imprevistos ou non poder permitirse unha alimentación equilibrada con carne, polo ou peixe cando menos cada dous días. 

Nestas variábeis, Galiza amosa un comportamento diverso en función das preguntas. Así, a taxa de risco de pobreza no noso país é das máis baixas do Estado co 15,4% por detrás de Euskadi, Nafarroa e Madrid. No entanto, se sumamos o risco de exclusión social esta elévase ao 23,8%. 

Asemade, o 20,8% dos fogares galegos chega con "moita dificultade" a fin de mes sendo o territorio onde máis se incrementa esta porcentaxe da poboación xunto con Andalucía e Murcia. 

Case 4 de cada 10 (38,6%) persoas di non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos e o 7,6% afirma contar con retrasos nos pagamentos relacionados coa vivenda principal.