Por unha “sociedade decente”

Por unha “sociedade decente”
Albino Prada.
Albino Prada.  

O mundo está en mutación. E nada do que aí vén permite o optimismo. Así o percibe o profesor Albino Prada, da Universidade de Vigo, quen no seu último libro, Crítica do hipercapitalismo dixital, alerta contra o paso da economía de mercado á sociedade de mercado. “Se nos deixamos envolver polos anarcocapitalistas de Silicon Valley, o mercado e o diñeiro ocuparano todo”, avisa. Prada, pola contra, aposta en construír “unha sociedade decente”. Eis un extracto da información publicada no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza.


5Nada é como foi. Nada é como será. A capacidade do capitalismo para revolucionarse a si mesmo e inventar novas formas de extraer ganancia, e plusvalía, non se detén. Analízao o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Albino Prada (O Bolo, 1955) no seu último libro, Crítica do hipercapitalismo dixital (en castelán en Libros de la Catarata e Fundación 1º de Mayo, 2019), un aviso contra os incendios sociais e económicos derivados de ceder todos os mandos ao capital desembridado das novas tecnoloxías da información e a comunicación.

“O mercado e o diñeiro vano ocupar todo se nos deixamos envolver polos anarcocapitalistas de Silicon Valley”, explica a Sermos Galiza vía correo electrónico, “para eles, o Estado debe ser reducido á mínima expresión”. E para eles o Estado inclúe a sanidade, o ensino, os coidados aos maiores, a seguridade e o lecer, apenas obxecto de “oferta en liña desde as súas terminais telefónicas”. Mais esta gran transformación non sucede de imprevisto. O contexto e as súas raíces axudan a entendelo: “Nunca tanto estivo en mans de tan poucos”.

Á súa comprensión dedica Albino Prada o ensaio, que investiga “unha dobre abdución, a dunha lóxica de mercado á que nada humano sería xa alleo; e a outra, a da dixitalización invasiva en todas as nosas actividades”. E unha metamorfose, a do capitalismo en “hipercapitalismo dixital”. Coloca un exemplo ao respecto, “o dun tal John Bogle”. Este especulador, propietario de Vanguard Group, relataba que, nos seus inicios como investidor, o comercio bursátil era de dous millóns de accións ao día. Medio século despois, 8.500 millóns diarios. “Esta aceleración xustifica o termo hipercapitalismo”, explica o economista galego.

“Un podería pensar que son cousas das finanzas, non da produción”, engade, “recoméndolle que poña Vanguard Group nun buscador de Internet”. Este fondo de investimentos participa nalgunhas das marcas máis emblemáticas do capitalismo contemporáneo: Coca Cola, Ferrari, Apple, Monsanto, Time Warner, Exxon Mobil. “Por riba, e así o explico no libro, as empresas que controlan eses fondos de investimento, Microso", Amazon ou Facebook, son as empresas de maior valor bursátil porque controlan a dixitalización das nosas sociedades”, afonda.

[Podes ler a información íntegra no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]