O porco celta triunfa nas contas e na mesa

O porco celta triunfa nas contas e na mesa
porco
porco  

O porco celta é a única raza porcina autóctona galega. Estivo perto da extinción após as últimas décadas de éxodo rural e abandono das aldeas, así como pola perda do pastoreo a prol da agricultura intensiva. Lévase traballando na súa recuperación desde 1999. A día de hoxe son cada vez máis as explotacións e empresas que se animan a traballar con este tipo de animal, así como persoas que o consomen, até o punto de que a demanda é lixeiramente superior á oferta. Actualmente na Galiza hai aproximadamente 2.000 exemplares. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 335 de Sermos Galiza.


2No ano 1999 un grupo de gandeiros decidiu recuperar a raza do porco celta, practicamente extinguida fronte o auxe do porco branco. Este animal, cento por cento autóctono galego, comezara a perderse logo de que o seu modo de cría fose abandonándose por outros métodos máis intensivos. O porco celta críase en réxime extensivo de silvopastoreo e o seu crecemento óptimo para ser levado ao matadoiro é o duplo que o do porco branco (seis meses fronte a doce). Isto, xunto co éxodo do rural, provocou que cada vez fosen menos as persoas que se dedicaban á súa produción.

Mais desde hai vinte anos, o traballo da Administración e gandeiras e gandeiros na súa recuperación foi en aumento. A día de hoxe aínda non está recuperado, malia que se espera que algún día poida chegarse á súa completa restauración como animal do país. Actualmente cóntanse na Galiza “2.000 ou 2.400 animais ao ano”, di Iván Rodríguez, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel). “No ano 2017 sacrificáronse 1.200 animais, o equivalente a unhas 150 toneladas de carne. O ano pasado (2018) a demanda aumentou bastante polo que o número achegouse aos 1.500 exemplares sacrificados”, conta.

Raza autóctona galega

Para Iván Rodríguez, é fundamental neste crecemento a denominación do porco celta como única raza autóctona galega. “O selo de marca 100% autóctona é unha distinción que o Ministerio (de Agricultura, Pesca e Alimentación) cede á asociación para a etiquetaxe do produto. Nós solicitámolo a finais do ano 2016 e convertémonos na primeira raza porcina do Estado español que o obtivo”, explica. Apunta a marca como unha grande axuda en materia de visibilidade, “o consumidor cada vez demanda máis este tipo de produtos”, asegura Rodríguez. Sinala que a poboación busca cada vez máis bens ecolóxicos e carnes de animais criados en liberade, polo que na actualidade a demanda de artigos de carne de porco celta é maior que a oferta.

Neste aspecto coincide Óscar Moreno, xerente de Cárnicas Teijeiro, un dos maiores provedores de carne de porco celta, “todo o que sexan selos que se poidan conseguir para a raza inflúen á hora de comercializar”, afirma. Este tipo de etiquetaxe aplícase a todos os produtos de carne de porco celta, detalla, “lévana ou ben a xeito de adhesivo en embutidos ou ben en precintos, en produtos como o lacón, o xamón ou a cacheira”. En canto á demanda, confirma que é maior á oferta. Porén, asegura que depende do produto. “O chourizo e os produtos para cocido teñen unha alta demanda en época de entroido. O xamón ten maior demanda na campaña de Nadal e algo no verán”. Segundo di, o crecemento da oferta é “lento pero seguro”, a un ritmo estábel que senta as bases para mellorar ano a ano. “De pouco vale crecer moito un ano se logo ao seguinte non damos subministrado ao mercado”, reflexiona.

Crecemento, recuperación e mercado

A súa clientela principal está sobre todo na Galiza, mais tamén exportan a algúns puntos de España e Europa, principalmente a Francia, Austria e ao Reino Unido, que “demandan maioritariamente talladas envasadas, xamón, chourizo e salchichón”, explica Moreno.

Iván Rodríguez advirte de hai que ser prudentes coa exportación internacional. “Hai operadores que traballan semanalmente con porco celta, que mandan para Madrid ou Barcelona, mais a produción é tan limitada que non se pode dar moito máis. Con 1.500 exemplares sacrificados ao ano, poderías exportar todo ao Xapón e non chegaría a nada”, di.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]