CIG NON ASINA O PRINCIPIO DE ACORDO

Preacordo en Alcoa entre empresa e sindicatos para gañar 6 meses para atopar un investidor

Preacordo en Alcoa entre empresa e sindicatos para gañar 6 meses para atopar un investidor

A empresa comprométese a manter 100% do plantel até 30 de xuño. Se daquela non aparece un inversor, o goberno español debe asumir o compromiso. o principio de acordo non conta co apoio da CIG.

A comisión negociadora sobre Alcoa acadou un preacordo após horas de negociacións. Un principio de acordo, que non foi apoiado pola CIG, e que debe ser sometido ás asembleas dos cadros de persoal da Coruña e Avilés para a súa aprobación. Un principio de acordo que supón gañar seis meses máis para atopar un investidor para ambas as dúas factorías.


Os membros dos comités lograron que Alcoa se comprometa a manter o plantel até o 30 de xuño e non aplicar o expediente de regulación de emprego temporal como paso pevio aos despedimentos. Iso si, se a esa data non hai comprador, as saídas fican xa pactadas e aceptadas.


Alcoa pon ademais sobre a mesa 20 millóns de euros para cada factoría para mellorar as instalacións das series de electrolise e posíbel rearranque das mesmas. Foi o que fixo na súa planta de Portovesme, Italia, da que se fixo cargo a suíza Siders Alloy.


Na xuntanza entre ambas as dúas partes chegouse a un preacordo no que se require a ratificación do goberno para un compromiso para manter 100% do emprego a data 1 de xullo no caso de que non exista finalmente ningún investidor para esas dúas plantas.

Non asina

A CIG non asinou o preacordo porque considera que non garante de maneira clara a reactivación das series de electrólise e porque, afirma, obriga a pactar xa as condicións dos despedimentos. O delegado da central nacionalista en Alcoa, Julio Moskowich explica que "rexeitamos este acordo porque se fundamenta nos despedimentos que a data 1 de xullo terían lugar inequivocamente e porque vai contra a decisión da asemblea coa que acudimos ás reunións de Madrid, baseada en que calquera alternativa tiña que pasar pola garantía do emprego e non asumir ningún despedimento. Pero ademais, non está garantido que volvan arrancar as cubas de electrólise (Alcoa desbotou de plano esta posibilidade, di a central) nin existen propostas certas neste sentido por parte do Goberno".



x