O presidente da Xunta reúnese con Endesa días antes da folga nas Pontes

O presidente da Xunta reúnese con Endesa días antes da folga nas Pontes
[Imaxe: Xunta]: Rolda de prensa co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e o conselleiro delegado de Endesa, José Bogas.
[Imaxe: Xunta]: Rolda de prensa co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e o conselleiro delegado de Endesa, José Bogas.  

Feixoo solicita unha mesa técnica coas diferentes partes e insiste en dirixir a responsabilidade cara ao Goberno español  


Dúas horas de xuntanza en San Caetano, fotografías ao remate diante dos medios de comunicación e unha proposta doutra mesa de traballo é o resumo da reunión que mantivo esta sexta feira 11 de outubro o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, co conselleiro delegado de Endesa, José Bogas.

En declaracións aos medios José Bogas insistiu no “compromiso absoluto” de que a central das Pontes mantivera a súa actividade “se non é ao cen por cen, como na actualidade, que si compense, que siga a xerar riqueza e emprego”. Asegurou que hai “dificultades” mais comprométense a “estudar todas as alternativas posíbeis”.

O presidente da Xunta voltou a apuntar ao Goberno do Estado como parte responsábel e pediu que desde Madrid “se buscasen fórmulas” de continuidade. "Ten que ser un aliado para manter a central funcionando", asegurou, "non pode ser o problema".   

O presidente da Xunta afirmou tamén que “se non queremos estudar ningunha alternativa, haberá unha discusión moi profunda e unha diverxencia política de primeiro nivel".