Barreras avanza que construirá o flotel de Pemex xa en abril e negocia dous barcos máis

Barreras avanza que construirá o flotel de Pemex xa en abril e negocia dous barcos máis
García Costas anunciou que Barreras comezará construír antes de finais de abril o flotel de Pemex, para alén de anunciar que negocian coa multinacional mexicana a posibilidade de facer dous barcos máis. Feijóo cifrou en 3.000 empregos os que darían os 2 floteis. Os sindicatos reducírono a unha cuarta parte

O presidente de Barreras, García Costas, sinalou que antes de que comece maio o flotel de Pemex estará empezando a ser construído neste estaleiro de Vigo. E mesmo afirmou que están a negociar coa paraestatal mexicana dous barcos máis. Barreras aínda nin reuniu os avais, recoñeceu Costas, mais iso non vai ser impedimento, pois Pemex deulles prórroga.

"A contratación por parte de Pemex dun buque flotel en Ferrol e doutro en Vigo suporá un investimento de 290 millóns de euros e garantirá un emprego de máis de dous anos a un total de 3.000 persoas". Así se manifestaba no comunicado da Xunta da Galiza sobre o acordo asinado coa petroleira mexicana, e anunciado por Núñez Feijóo en plena precampaña.

Dous barcos, salvación para o naval galego?

Mais aos sindicatos, esas contas nin lles daban nin lles dan, agora que a construción de dous floteis é apresentada polo Goberno galego virtualmente como a solución para o naval de Galiza. O presidente do comité de Navantia, Ignacio Naveiras, indicaba que a Xunta sinalou que cada un dos navíos suporá unha carga de traballo de millón e medio de horas. E un operario, lembra, realiza unha media de 1.700 horas anuais. E 1,5 millóns de horas en dous anos e medio (prazo de construción estipulado para o flotel) implica un número moito menor de empregados, que cifra por volta dos 400.

César Rodríguez, da CIG, tamén botaba daquela man da calculadora e sinalaba que se a construción en Barreras do barco encargado por Pemex vai supor millón e medio de horas de traballo "só con saber as horas que lle mete aquí un operario, danos que no momento álxido desa construción haberá unhas 450 persoas a traballar nel". Unha cifra moi lonxe das 3.000 das que falaba Xunta e patronal