As prestacións sociais son as principais fontes de ingresos en oito comarcas

As prestacións sociais son as principais fontes de ingresos en oito comarcas

O número de concellos onde esta é a fonte de renda máis importante dos fogares aumentou en 9 puntos nestes anos: son xa 34,6% dos municipios galegos.


 


Hai oito comarcas galegas onde as prestacións sociais son a principal fonte de ingresos nos seus fogares: Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova e Terra de Trives.


Nestas comarcas a masa salarial é inferior ao volume de prestacións recibidas, o que implica que as cotizacións sociais pagadas polos fogares non chegan a superar en ningún caso 38% das prestacións recibidas, segundo explican no Instituto Galego de Estatística (IGE). Máis dun terzo da poboación destas oito comarcas supera os 65 anos segundo os Indicadores demográficos do IGE.. No resto das comarcas a principal fonte de renda dos fogares é a remuneración das persoas asalariadas.


A remuneración de asalariados e asalariadas é a principal fonte de renda en 63% dos concellos galegos. En 2010 era en 72%. Naquel ano en 227 municipios os principais ingresos eran os salarios mentres que en 2016 érao en 199. Por contra, as prestacións sociais eran en 2010 a principal fonte de renda en 81 concellos e seis anos despois érao en 109, o que é 28 municipios máis. Neses seis anos, logo, pasou de ser a principal vía de ingresos en 25,7% dos concellos da Galiza a selo en máis de 34%.



x