As prestacións sociais xa son a principal fonte de renda nun de cada tres concellos galegos

As prestacións sociais xa son a principal fonte de renda nun de cada tres concellos galegos
Mapa do IGE
Mapa do IGE  

En apenas cinco anos os municipios nesta situación pasaron de apenas oitenta a máis de cento dez.


A  principal fonte de renda nun de cada tres concellos galegos son as prestacións sociais. Son 111 os municipios onde estes ingresos, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) no período 2010-2015,  son a principal fonte de sustento das familias, por riba das remuneracións das persoas asalariadas. Un indicador máis dun dos grandes problemas que afronta Galiza, o avellentamento da poboación e cuestións como o despoboamento do rural.

Cinco anos antes os concellos nesa situación eran oitenta. Así pois, en apenas un lustro o grupo dos municipios onde a principal fonte de renda das súas familias son as prestacións aumentaron en 35. En paralelo, houbo unha redución daqueles concellos onde ese sustento principal son os salarios. Eran 227 en 2010 e 196 en 2015.

32,12% dos fogares de Galiza teñen nas prestacións a súa única fontes de ingresos, unha porcentaxe que supón que un de cada tres fogares que hai no país subsisten grazas a subsidios e pensións. Unha cifra demoledora e que permite albiscar dados en poboación activa e ocupada preocupantes, así como en avellentamento e emigración.

Galiza non ofrece unha imaxe homexénea neste punto, existindo considerábeis fendas entre as diferentes áreas do país. Así, fican moi pior riba da media nacional zonas como Ourense Sur (comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana), onde o 51,8% dos fogares só teñen ingresos por esta vía. Un de cada dous. A área de Lugo Sur, que abrangue Chantada, Quiroga e Terra de Lemos rexistra un 48,3%, seguida de O Carballiño-O Ribeiro, cun 47%.

Mais a estas áreas súmanselle as de Ferrol-Eume-Ortega, onde case o 40% dos fogares están nesa situación; ou a área da Costa da Morte ( Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas), onde esa porcentaxe está no 38,9%. No outro extremo están áras como a de Barbanza-Noia e de Santiago, que rexistran os índices máis baixos de vivendas onde as axudas e subsidios son as únicas fontes de entrada de diñeiro, o 22 e 23% respectivamente.