A produción industrial na Galiza segue de capa caída

A produción industrial na Galiza segue de capa caída
Nova furgoneta de Toyota na planta de PSA Vigo [Imaxe: PSA]
Nova furgoneta de Toyota na planta de PSA Vigo [Imaxe: PSA]  
Galiza encadea un novo mes de caída da súa produción industrial. En setembro baixou 0,9% e no ano suma xa un descenso de 5,4%, só superado por Baleares. 

A produción industrial non levanta cabeza na Galiza. Segundo os datos que publicou a cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE), a produción industrial galega baixou 0,9% en setembro en comparación co mesmo mes do ano anterior. A media de retroceso no que vai de 2019 sitúase en 5,6%, a segunda caída máis acusada, só por detrás das Balears (7,4%). 

Galiza é a nota discordante no conxunto do Estado español, xa que o Índice de Produción Industrial (IPI) incrementouse en 12 territorios, con Nafarroa á fronte (14,5%). A media tamén é positiva, cun alza de 3,1%, en setembro e un acumulado de 0,7%. 

Coa única excepción do mes de xullo, no que o índice repuntou 0,2%, os datos de produción industrial na Galiza levan desde novembro de 2018 en cifras negativas. Nesta situación ten moito que ver a delicada situación pola que atravesan varios sectores industriais claves para a economía galega, como pode ser o enerxético ou o naval. 

No que respecta ao destino económico dos bens producidos, os bens de consumo, equipo e intermedios creceron 13,2%, 10,7% e 2,3% respectivamente neste período. Pola contra, a enerxía decreceu 29,0%. En canto a ramas de actividade, foi precisamente a que corresponde á produción de enerxía eléctrica a que ten a achega máis negativa, cun descenso de 6,9 puntos, seguida da fabricación doutro material de transporte, que minora 0,7 puntos, e a reparación e instalación de maquinaria e equipamento, que resta seis décimas á taxa interanual. 

Parón das térmicas

Detrás destas malas cifras está a situación pola que atravesan dúas das principais industrias da Galiza. Endesa e Naturgy levan todo o ano coas súas centrais térmicas de carbón paradas. No caso da de Cerceda, co feche previsto para mediados de 2020, é probábel que non volva encender as súas turbinas. No das Pontes, aínda por aclarar cando vai cesar definitivamente a súa actividade, a propia empresa trata de buscar alternativas que permitan seguir operando sen depender do carbón como único combustíbel. 

Nos vindeiros meses é posíbel que se lle dea a volta a este mal dato, xa que a inminente posta en marcha da planta de biomasa de 50MW que Greenalia levanta no concello de Curtis, xunto coa finalización dos novos desenvolvementos eólicos van contribuír a que a produción de enerxía eléctrica recupere o protagonismo perdido polo parón das centrais térmicas das Pontes e Cerceda. Tamén será determinante a contribución das outras renovábeis, en especial a hidráulica, ao mix enerxético. 

Os motores de sempre

En contraposición ao mal comportamento destas partidas, a fabricación de vehículos de motor, que achega 3,8 puntos; a confección de roupa de vestir, que aporta 1,2 puntos; a industria da alimentación, que engade 1,1 puntos, e a fabricación de mobles, que suma 0,6 puntos á taxa interanual do índice xeral, son as que máis acrecentaron o seu peso o pasado mes de setembro. 

Unha vez máis son o téxtil e a automoción os sectores que tiran da produción industrial. Porén, mentres que a primeira segue gozando de boa saúde, a fabricación de automóbiles podería experimentar novos paróns na produción como consecuencia da caída de vendas en toda Europa e a falta de madurez do mercado do vehículo eléctrico, polo que cada vez apostan máis as factorías galegas. De feito PSA acaba de sumar un novo modelo, unha furgoneta Toyota, ás liñas de producción eléctricas que xa traballa tanto para Citroën como para Peugeot. Está por ver tamén o impacto que a integración do grupo PSA e Fiat poida ter nos seus centros de produción de ambas compañías. En principio no de Vigo non debería correr perigo. 

A crise do naval 

Se en Vigo hai certa calma pola situación do sector da automoción e das auxiliares, non hai tanta noutro polo de xeración de riqueza da cidade: o sector naval. A delicada situación do estaleiro Hijos de J. Barreras compromete o seu futuro e a actual carteira de pedidos. As propias auxiliares tratan de buscar unha saída a esta difícil situación, ofrecendo a Pemex, o accionista principal, un intercambio de débeda por accións. E mentres Barreras trata de aclarar esa saída, o futuro para outro estaleiro, o de Vulcano, é se cadra máis negro. Cos traballadores xa fóra da empresa, despois do ERE de extinción presentado pola compañía, a única saída pasaría pola entrada dun investidor que quedara coas instalacións de Bouzas. Os terreos son moi atractivos pola súa situación, o que abre a porta a que o Porto de Vigo poida quedar finalmente con eles para darlles un novo uso. 

Desde a Xunta, bótanlle a culpa de boa parte destes males á inmobilidade por parte do Goberno, actualmente en funcións. En practicamente ningún dos casos existen alternativas que garantan o futuro industrial destas empresas. O mesmo sucede con Alcoa, que segue á espera de que mellore a factura eléctrica das industrias de gran consumo, o mesmo que Ferroatlántica, que ten tamén que resolver o seu futuro fóra do control do empresario Villar Mir.